A Xunta apoia a campaña ‘Merluza de Burela no Nadal’

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, amosou o apoio da Xunta á campaña Merluza de Burela no Nadal, que promoven a Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo e Armadores de Burela S.A (ABSA) e consistirá na distribución de 600 racións de pescada do pincho de Burela entre os centros de maiores da Mariña.

Balseiro e Pablo Fernández Asensio, Xefe Territorial da Consellería do Mar, visitaron a lonxa de Burela para coñecer os detalles desta iniciativa da man de Abelardo Basanta e Miguel Neira, presidente e xerente de Armadores de Burela; e Juan José Otero e Sergio López, presidente e xerente da OPP de Lugo.

Os promotores repartirán a pescada en oito centros, dos cales un é titularidade da Xunta de Galicia, en concreto a Residencia de Maiores de Burela. Os outros son residencias, apartamentos tutelados e vivendas comunitarias situadas en Foz, Mondoñedo, O Valadouro, Viveiro, Xove, A Pontenova e Ribadeo.

As racións de pescada do pincho de Burela repartiranse entre este sábado 29 e o luns 31 de decembro e será entregada tal e como demandaron desde cada un dos centros: pezas enteiras ou cortadas en lomos, filetes ou rodaxas. O delegado gabou esta iniciativa social que “pon a guinda a unha intensa campaña de promoción desenvolvida pola OPP e ABSA para dar a coñecer este produto de extraordinaria calidade que tamén sae da lonxa burelense”.

No mesmo sentido, Sergio López sinalou que “a merluza do pincho é a principal especie comercializada na lonxa de Burela, tanto en descargas como en ventas. Desde a OPP Lugo e ABSA acordamos doar unha partida desta principal pesquería como unha bonita acción social”. No marco da programación de difusión levada a cabo pola OPP e ABSA, tamén se elaborou  un calendario para o ano 2019 con receitas de cociñeiros do grupo Nove, ademais de intensificar a súa presencia nos medios de comunicación e nas redes sociais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com