A Xunta apoia a máis de 3.300 produtores de leite da provincia

A Consellería do Medio Rural apoiou a máis de 3.300 produtores de leite da provincia de Lugo con axudas directas que superaron os 16 millóns de euros. Así o deu a coñecer o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, quen fixo balance das achegas que durante 2018 a administración autonómica destinou a este sector considerado estratéxico na economía lucense, “e piar para moitas familias e para moitos concellos rurais da provincia”

Para reforzar esta afirmación o delgado lembrou que Lugo lidera, de xeito moi destacado, a produción de leite en Galicia e tamén no conxunto de España. “Producimos entorno ás 1,2 millóns de toneladas anuais. Isto significa que Lugo representa máis do 50% da produción láctea do conxunto da comunidade e preto do 19% da española”. Ademais na provincia de Lugo hai máis de 3.600 explotacións, que efectuaron entregas de leite, isto é, con vacas en produción.

“Falamos dun sector estratéxico para a economía lucense, xa que logo, si sumamos a contribución directa do lácteo en termos de valor, e incluímos ese amplo grupo de actividades vinculadas (transporte,  produción de pensos, etcétera) o seu peso representa entorno ao 12% do Produto Interior Bruto (PIB) e o 18% do emprego da nosa provincia”

Balseiro explicou que o groso das achegas -16 millóns de euros e 3.300 produtores- distribuíronse a través do programa específico que para as explotacións de leite prevé o Fondo Galego de Garantía Agraria.

Con todo, á cifra total sería maior xa que os produtores leiteiros de Lugo tamén recibiron outras axudas adicionais: como as resultantes do programa de mellora das explotacións e fomento de novas incorporacións de mozos, e tamén as achegas directas establecidas para zonas con limitacións naturais, para produción ecolóxica e agroambientais.

En ambos casos pode facerse unha estimación (porque os produtores non teñen que declarar a actividade concreta que realizan) pero suporía engadir 5,9 millóns de euros adicionais e ao redor de medio millar de beneficiarios.

Convenios de colaboración

Balseiro tamén quixo poñer en valor outros apoios indirectos, como é o caso dos convenios de colaboración que a Xunta asinou a nivel autonómico con Africor e con LIGAL o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise de Leite, que reciben cada ano entorno a 700.000 e 455.000 euros de apoio respectivamente.

Finalmente, cómpre salientar a participación que a Xunta ten en dous centros de vangarda desde o punto de vista da investigación aplicada ao medio rural e, en particular, á produción gandeira. Son Xenética Fontao e o CETAL (Centro Tecnolóxico Agroalimentario), ambos con sede en Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo