" />

A Xunta apoia un programa de formación á carta no sector da construcción

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou hoxe na cidade un programa de formación á carta que apoia a Xunta para cualificar a 600 traballadores e traballadoras do sector da construción, que se desenvolverá coa colaboración da Fundación Laboral da Construción.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá preto de 400.000 euros nesta iniciativa, que se enmarca no programa de formación da Administración autonómica dirixido a persoas ocupadas dos sectores estratéxicos galegos, a través do que recibirán cualificación máis de 23.000 traballadores e autónomos. Para iso, estanse a desenvolver en centros homologados das catro provincias galegas 1500 cursos, para o que o Goberno galego está investindo 13 millóns de euros.

Marnotes sinalou que un dos retos actuais do Goberno galego é adaptar a formación para o emprego aos novos perfís profesionais que está demandando o tecido produtivo inmerso na transformación dixital. Destacou, ao respecto, a importancia de que as empresas poidan contar con traballadores formados á carta para que poidan ser máis competitivas e, por tanto, seguir impulsando en Galicia o emprego de calidade. En palabras do director xeral, a formación de calidade é unha prioridade para o Goberno galego e, por iso, está poñendo en marcha programas para favorecer a empregabilidade das persoas que buscan un posto de traballo e actualizar a formación das persoas que xa traballan.

Para iso, a Xunta ten tamén en marcha as Unidades Formativas na Empresa, tanto para desempregados como ocupados. En global, para estes dous programas destínanse 6,35 millóns en 2018, a través dos que se cualifica a desempregados con formación á carta na propia empresa, que ten que comprometerse a un mínimo de contratación; e a traballadores de empresas de sectores estratéxicos. como o naval, a silvicultura, transformación de madeira, fabricación de compoñentes electrónicos e ordenadores, automoción, aeronáutica, fabricación de mobles, edición de programas informáticos e telecomunicacións e actividades relacionadas coa informática.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo