A Xunta asegura que ten pagadas as licenzas de obra da Tinería

A Xunta de Galicia aclara que pagou ao Concello de Lugo todas as licenzas das obras de rehabilitación que está en condicións de executar no barrio da Tinería. En concreto, xa están abonadas as licenzas das obras xa adxudicadas nos inmobles Tinería 30 e Recanto do Miño 11-13, actuacións promovidas pola Xunta e que suporán un investimento conxunto que superará os 354.000 euros.

Polo tanto, neste barrio, o Concello ten pendentes de outorgar dúas licencias de obra, as correspondentes ao inmoble emprazado en Tinería 15 e Recanto do Miño 17, respecto das que a Xunta xa abonou a solicitude correspondente.

A primeira delas, Tinería 15, trátase dunha obra xa adxudicada pola Xunta en 700.000 euros, pero que o Concello, tras tardar máis dun ano en contestar á solicitude de licenza, indicou que era necesario realizar axustes no proxecto presentado.

A segunda obra, correspondente ao inmoble Recanto do Miño 17, foi licitada no pasado mes de decembro e pendente de adxudicación. Tal e como se explicou no seu momento, será a empresa adxudicataria quen se fará cargo do pago da licenza.

Desde a administracións autonómica censuran a “espiral de confusión” que o Concello pretende xerar en relación con este asunto e lamentan que o Goberno local sexa un obstáculo permanente ante os esforzos por mellorar este barrio que “lideran desde a Xunta e as propias asociacións veciñais e de empresarios”.

A Xunta aclara tamén, que a actuación prevista en Carril dos Fornos non é unha obra de rehabilitación, senón de “desmontaxe de elementos inseguros e adopción de medidas de seguridade” tal e como reza a solicitude formulada con data 15 de maio de 2016.

Esta actuación non se completou, porque na actualidade non é posible realizala xa que poría en risco o edificio contiguo, que se atopa en estado semirruinoso. De feito, o Concello debera requirir sen demora aos propietarios deste edificio anexo a necesidade de rehabilitalos.

A administración autonómica tamén aclara que os “supostos defectos” alegados polo Concello para non outorgar algunha das licenzas pendentes non son tales e débense en moitos casos, a cambios de criterios e contradicións dos propios servizos municipais que non autorizan obras que antes permitían.

Así por exemplo, no que respecta á obra que a Xunta ten previsto executar en Recanto do Miño 11-13 o Concello pediu modificar o proxecto orixinal presentado pola Xunta para anular unha pequena bufarda que existe na realidade e que non tiña ningún valor arquitectónico.

E, no que respecta, á falta do informe arqueolóxico nesta obra, a Xunta aclara que este levaba aproximadamente medio ano presentado no Concello, pero non se informou polo servizo municipal de arquitectura ata, curiosamente, o día de onte.

Moito máis grave é o que acontece coa licenza de Tinería 15, xa que logo, as grandes pegas que impón o Concello son que no proxecto non figuraba unha canalización de gas pola fachada e que unha das habitacións do edificio daban a patio da maza, circunstancia habitual en moitas vivendas da zona e que non reduce a súa calidade.

Unha vez máis, o Concello busca “calquera escusa” para seguir demorando no tempo a concesión das licenzas o que parece ser unha práctica habitual nesta institución, así como os sucesivos cambios de interpretación da normativa vixente, aspectos que están a causar a queixa recorrente non só da Xunta senón de particulares, colexios técnicos e de construtores.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com