A Xunta concede axudas para a mellora paisaxística dos Camiños en Lugo

A Xunta concede axudas por importe global de 422.200 euros a nove concellos e 34 particulares da provincia de Lugo para acometer accións de mellora paisaxística ao longo do Camiño de Santiago. Esta liña de subvencións enmárcase no Plan de Embelecemento da Ruta Xacobea e, en virtude da mesma, o Goberno galego financiará o 75% das intervencións propostas polos beneficiarios, entre as que figuran actuacións en elementos que xeren un impacto visual nos distintos itinerarios ou a restauración de bens do patrimonio etnográfico galego.

As axudas están divididas en dúas categorías en función do solicitante. No caso da primeira delas, dirixida ás entidades locais, o Goberno galego achegará 122.700 euros para financiar actuacións nos concellos de Guntín, A Pobra do Brollón, Paradela, O Saviñao, Barreiros,  Monforte de Lemos, Palas de Rei, Lugo e Lourenzá.

No que atinxe á segunda liña, destinada a persoas físicas e xurídicas titulares dalgún elemento situado na Ruta Xacobea, a Xunta achegará 299.500 euros para financiar accións propostas por 34 particulares.

Xunto con esta liña de axudas, o Plan de embelecemento da Xunta inclúe un proxecto piloto realizado en colaboración coa Fundación Juana de Vega e que permitiu analizar e propoñer solucións de mellora paisaxística para 45 puntos situados na Ruta Xacobea. Esta iniciativa, que contou co asesoramento da Escola Galega da Paisaxe incluíu a elaboración dun manual de boas prácticas neste eido que servirá como referencia nas actuacións financiadas ao abeiro desta liña de axudas.

Cinco ámbitos de actuación

En concreto, as subvencións incluídas neste plan enmárcanse en cinco ámbitos de actuación. O primeiro deles céntrase en intervencións sobre elementos etnográficos e a súa contorna e inclúe accións de valorización, mantemento, consolidación ou restauración de fontes, lavadoiros, hórreos, pontes, muíños, valados ou calquera outro elemento de carácter tradicional vinculado á paisaxe e a cultura do lugar.

O segundo contempla actuacións sobre casas e eiras, como melloras nas fachadas e nas cubertas empregando materiais propios da zona; mentres que a terceira liña abrangue intervencións no espazo agrario co fin de reducir o impacto visual que xeran elementos en desuso ou abandonados sen interese patrimonial ou paisaxístico como naves, silos ou casetas. As axudas do Plan de Embelecemento do Camiño de Santiago complétanse con actuacións para incorporar a vexetación como elemento integrador da paisaxe ou actuacións nos trazados do Camiño co fin de substituír elementos do mobiliario urbano que polo seu estado de deterioro ou as súas características físicas resulten alleas á contorna da Ruta Xacobea.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com