" />

A Xunta concede préstamos por 15,5 millóns de euros para máis de 300 pemes, microempresas e autónomos lucenses

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación facilitou ata o de agora préstamos por importe de 15,5 millóns de   euros para máis de 300 pemes, microempresas e autónomos da provincia de Lugo ao abeiro do programa para dotar de liquidez aos empresarios cuxas actividades se atopen afectadas polo brote de Covid-19.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, lembrou que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) continúa avaliando as solicitudes recibidas ao abeiro desta convocatoria -xa pechada-, posta en marcha en colaboración coas sociedades de garantía recíproca (SGRs) e as entidades financeiras co obxectivo de mobilizar, no seu conxunto, 300 millóns de euros en toda Galicia.

En concreto, en Lugo xa se comprometeron axudas para 332 solicitantes, que facilitan    préstamos por importe de 15.545.410. Deste total, 148 entidades están situadas na capital e a contorna, e supoñen o 40,5% dos préstamos (6,3 millóns de euros).

O importe do préstamo que se avala oscila entre os 3.000 euros e os 200.000 euros, e o    Igape subvenciona o 100% dos xuros. Entre os beneficiarios destacan negocios dedicados ao sector da hostalería e o comercio, pero tamén relacionados coa construción, o transporte, academias de ensino e outros servizos.

Arias lembrou que esta é unha das liñas activadas polo Goberno galego para reactivar a economía e atenuar o impacto da pandemia sanitaria, creada especificamente para que os pequenos empresarios poidan enfrontar as tensións de liquidez causadas por factores como a caída das vendas, interrupción da actividade, menor demanda, falta de subministracións ou rescisión de contratos.

O obxectivo é, por unha banda, conseguir que os autónomos e as pequenas e medianas empresas accedan ao crédito nunhas condicións preferentes que lles permitan atender as súas necesidades máis inmediatas -como o pagamento de salarios, de facturas, alugamentos ou impostos- e, por outra, mobilizar os avais para a cobertura das operacións concedidas polas entidades financeiras e conceder reavais ás sociedades de garantía recíproca que as avalan.

Préstamos directos

O delegado territorial comunicou que ata o 31 de decembro está aberto o prazo para solicitar unha nova liña de préstamos directos do Igape, dotada con 10 millóns de euros, dirixida aos  autónomos, microempresas e pemes con máis dificultades para acceder ao crédito privado debido á súa especial vulnerabilidade na situación xerada pola pandemia.

A nova liña de financiamento achegará créditos de entre 3000 e 500.000 euros por negocio, con xuros baixos e próximos ao 0% aos autónomos e as empresas que se dedican a ocupacións como a economía social; o ocio nocturno e a hostalería; a industria cultural e de lecer; as que realizan a súa actividade principalmente no verán, como as orquestras; e as que non teñen un emprazamento único, como os feirantes, entre outros. Disporán dun prazo para a devolución de ata sete anos, nos que están incluídos tres de carencia.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo