A Xunta convenia con ALAR e ALIAD-ULTREIA para a intervención con menores agresores e o acollemento de vítimas de explotación sexual

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, desprazouse hoxe a Lugo onde, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asinou cadanseus convenios con Alar Galicia e Aliad Ultreia para axudar, por unha banda, á rehabilitación do agresores menores de idade e, por outra, facilitar o acollemento ás vítimas da trata con fins de explotación sexual.

O primeiro dos convenios asinados, na sede de Alar Galicia, permitirá dar continuidade por segundo ano consecutivo ao Proxecto Fénix que traballa na prevención e intervención cos menores que exercen a violencia de xénero contra as súas parellas ou exparellas e con aqueles que manifesten condutas machistas na súa contorna. Ata o de agora, esta iniciativa permitiu atender a 33 menores.

Lorenzana referendou a alianza da Xunta con esta entidade, representada polo seu director, Fernando González, por medio dun convenio que permitirá seguir a atender a “vítimas ás veces esquecidas e que lamentablemente se ven moi afectadas pola violencia de xénero”, especificou a conselleira, que se referiu á vulnerabilidade deste colectivo “dada a súa idade temperá e fase de desenvolvemento como persoas” que reproduce “de maneira desadaptativa” o que fai o proxenitor agresor ou maltratador.

“O Proxecto Fénix resulta fundamental e un referente na nosa comunidade e incluso fóra dela para traballar por un futuro sen violencia”, aseverou Lorenzana.

O programa -que forma parte das medidas activadas en Galicia no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero- contará cunha inxección de 25.000 euros da Xunta. Ten como ámbito de actuación toda a Comunidade e atenderá con prioridade a menores con cargos penais que exercen ou exerceron a violencia de xénero, así como a intervención en centros de menores e nos Centros de Intervención Educativa en Medios Abertos (Ciemas).

Atención a vítimas da trata
A conselleira de Emprego e Igualdade, formalizou tamén hoxe outro convenio co presidente de Aliad-Ultreia, Manuel Varela, nas súas dependencias. Por terceiro ano consecutivo, realízase unha achega de 35.000 euros para o funcionamento do dispositivo de acollida para a atención de mulleres vítimas de explotación sexual e trata na cidade de Lugo. O pasado ano este recurso atendeu a sete mulleres e dous menores. Este investimento forma parte das actuacións programadas na Comunidade no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Grazas a este apoio, Aliad-Ultreia manterá o dispositivo en funcionamento para prestar un servizo de apoio, acollida e recuperación das mulleres vítimas de explotación sexual e de trata, facilitando un aloxamento e acceso á atención educativa, psicolóxica, social, formativa e laboral. En palabras da conselleira, o acordo “conta cun carácter singular determinado por razóns de interese público, social e humanitario e derivadas da necesidade de acollida e recuperación das mulleres vítimas de explotación e de trata”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com