A Xunta de Galicia celebrou unha reunión de coordinación dos operativos contra incendios forestais da provincia de Lugo co obxectivo de preparar a campaña de alto risco de lumes.
Na xuntanza participaron o delegado territorial, Javier Arias, representantes da Consellería do Medio Rural, Axega, Garda Civil, Bombeiros, Cruz Vermella, Protección Civil e distintos servizos de emerxencias e patrimonio, ademais dos concellos de Castroverde e Baleira.
Un dos puntos principais foi a preparación dun simulacro de incendio forestal previsto para o 27 de maio nestes dous municipios, co fin de probar a activación do Peifoga en situación 2 e avaliar a resposta coordinada dos distintos equipos ante un lume con risco para persoas, núcleos de poboación e bens patrimoniais.
Arias destacou tamén o reforzo do Pladiga este ano, con máis recursos humanos, medios tecnolóxicos e ferramentas de prevención. Entre as novidades figuran a ampliación da rede de videovixilancia con intelixencia artificial, unha nova aplicación móbil para alertar de incendios e o aumento de efectivos especializados e medios aéreos e terrestres para a loita contra o lume.






