" />

A Xunta da continuidade ao obradoiro de emprego Vía Künig que comparten Becerreá, As Nogais e Baralla

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade dará continuidade ao obradoiro de emprego Vía Künig, que comparten os concellos de Becerreá, As Nogais e Baralla, cunha nova edición. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na entrega de diplomas aos 20 alumnos traballadores que participaron na terceira edición deste proxecto e anunciou que xa está aprobada unha cuarta que se porá en marcha nas vindeiras semanas e, como novidade, ampliará a duración dos nove meses a un ano.

En total, os dous obradoiros formarán 40 persoas en actividades relacionadas coa construción, grazas a un investimento conxunto de 851.000 euros por parte da Xunta.

Nos últimos meses, os participantes en Becerreá traballaron na peonalización da rúa O Souto e a travesía da Preira, a construción de vestiarios e aparcadoiro para persoas con discapacidade nas instalacións do parque móbil e a reconstrución da fonte de A Carunchada. Acondicionaron a nave da antiga escola taller das Nogais como punto de atención ao peregrino e urbanizaron a contorna, ademais de rehabilitar o lavadoiro e a fonte de Doncos. Pola súa banda en Baralla reformaron a báscula de Sobrado, un camiño en Piñeira e a rúa Fabeiro.
Os 20 alumnos traballadores que tomen o relevo executarán unha senda peonil paralela á N-VI entre Becerreá e Cereixal e outra paralela á mesma estrada na Ferrería, xa no municipio das Nogais. En Baralla ampliarán o centro sociocultural para punto de atención ao peregrino.

Nos obradoiros de emprego os participantes reciben formación teórica e práctica en especialidades con boas perspectivas de empregabilidade, ao tempo que asinan un contrato de traballo que lles garante un salario e a adquisición de experiencia laboral; tamén acceden a un certificado de profesionalidade con validez en toda España.

Ademais, os obradoiros duais Vía Künig inclúen incentivos á contratación para catro participantes, que se traducen en contratos en empresas da contorna para desenvolver funcións relacionadas coa aprendizaxe recibida, por un mínimo de tres meses a xornada competa.
Na selección dos participantes teñen prioridade as persoas con especiais dificultades de inserción no mercado laboral, como mulleres, emigrantes retornados, vítimas de violencia de xénero, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, parados de longa duración, maiores de 45 anos ou persoas en risco de exclusión social.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo