A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA) do sector 5.R do Barrio Sagrado Corazón de Lugo, co que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) prevé urbanizar solo para construír 1.200 vivendas en réxime de protección pública na cidade.
O informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia, establece que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto, pero inclúe condicionantes co fin de favorecer unha axeitada integración paisaxística na contorna.
Unha vez emitido o informe ambiental estratéxico, remítese ao promotor e ao órgano substantivo xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e, posteriormente, farase público proximamente mediante publicación tanto no DOG como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
O ámbito de actuación do PIA é un espazo de máis de 12 hectáreas de extensión entre os barrios do Sagrado Corazón e das Gándaras no que se prevé construír 1.200 vivendas, das que o 80% serán protexidas.
O solo afectado abrangue un espazo baleiro ocupado por terreos en estado natural que conservan a estrutura parcelaria tradicional. O PIA establece como uso característico o residencial en vivenda colectiva, maioritariamente protexida, así como o uso terciario como complementario. De feito, prevé distintos bloques residenciais con baixos comerciais, distintos espazos libres e zonas verdes así como o deseño de toda a rede viaria -tanto para tráfico rodado como para bicicletas e peóns- e a proposta de crear máis de 1.400 prazas de estacionamento na contorna.




