A Xunta de Goberno Local de Lugo deu luz verde este venres a dous acordos de relevancia para a cidade: a aprobación do expediente de expropiación dos terreos necesarios para construír o futuro centro de saúde do Sagrado Corazón e a aceptación dunha subvención superior aos 300.000 euros destinada á ampliación da rede de calor con biomasa da Milagrosa.
No ámbito sanitario, o Goberno municipal aprobou o expediente de expropiación forzosa, mediante o procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos necesarios para executar o novo centro de saúde e outros equipamentos públicos previstos no barrio do Sagrado Corazón.
Segundo o Concello, este acordo dá cumprimento ao compromiso anunciado pola alcaldesa, Elena Candia, para impulsar de maneira inmediata os trámites que permitan desbloquear unha actuación considerada prioritaria. A aprobación definitiva do expediente permitirá que o Concello dispoña dos terreos necesarios para poñelos a disposición da Xunta de Galicia e facilitar así a construción do novo centro sanitario, unha das principais demandas veciñais da zona.
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local tamén aceptou unha subvención de máis de 300.000 euros correspondente á segunda convocatoria do programa RENORED2, financiado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, para ampliar a rede de calor con biomasa do Parque da Milagrosa.
A resolución da axuda foi comunicada ao Concello o pasado 19 de xuño e establecía un prazo de cinco días hábiles para formalizar a súa aceptación, o que motivou a convocatoria dunha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno co obxectivo de non perder este financiamento europeo.
O proxecto permitirá ampliar a actual rede de calor con biomasa do Parque da Milagrosa e incorporar este sistema ao Centro de Convivencia da Milagrosa, incrementando ademais a potencia da caldeira existente para dar servizo as instalacións municipais nas que está xa funcionando como son: a Piscina Municipal de Frigsa, a Casa das Asociacións, a Casa Clara Campoamor, o Centro de Convivencia da Milagrosa, o Pavillón e o Campo de Fútbol Luís Gorgoso, o Club de Tenis de Mesa, o MIHL, o Auditorio Municipal Gustavo Freire e a Biblioteca Municipal.






