" />

A Xunta desenvolve un un programa de reeducación de menores por violencia de xénero

A Secretaría Xeral da Igualdade, desenvolve en Galicia un programa pioneiro -Proxecto Fénix- que promove a intervención integral con menores sometidos a medidas xudiciais por exercer violencia de xénero, cara a súa reeducación e prevención de futuras condutas violentas. O programa, coordinado pola Asociación para Proxectos Globais de Inserción e Integración Socio Laborais (Alar Galicia), forma parte do conxunto de medidas que a Xunta está a desenvolver no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

A Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, vén de reunirse co director de Alar Galicia, Fernando González Truque, para facer o seguimento dos traballos que se están a desenvolver este 2020 con menores. Tras unha primeira fase de difusión do proxecto e elaboración de materiais cos axentes que traballan en contacto cos beneficiarios, xa se impartiron obradoiros de prevención a unha vintena de rapaces do centro de menores de Santo Anxo de Rábade en Lugo.

Este proxecto pioneiro está baseado na prevención de violencia machista e na intervención integral con menores. Busca eliminar condutas de violencia cara ás parellas ou ex parellas entre os mozos e diminuír as probabilidades de reincidencia. Unha parte do traballo céntrase ademais na modificación de condutas sexistas e en facer un acompañamento aos beneficiarios para que avancen cara a pautas de comportamento que respecten o principio de igualdade.

No marco de colaboración coa Consellería de Emprego e Igualdade, Alar Galicia xa está a traballar con menores que teñen exercido violencia de xénero, así como con aqueles que manifestan condutas machistas no seu entorno máis próximo.

Rede de traballo en todo o territorio

Os menores incorporados ao Proxecto Fénix son derivados a través da Fiscalía de Menores, establecendo unha rede de traballo coa Secretaría Xeral da Igualdade, as delegacións territoriais da Xunta de Galicia e os equipos técnicos do menor das diferentes provincias, os centros de menores e Centros de Intervención en Medio Aberto (CIEMA), os centros educativos así como os servizos sociais municipais.

A idea é levar a cabo o proxecto en todo o territorio galego para dar resposta directa e inmediata ás demandas das fiscalías e xuíces preferentemente nos casos de menores con cargos penais por violencia de xénero. Tamén está aberto á intervención en centros de menores e nos CIEMA que traballan na atención integral aos menores infractores, en especial, aos adolescentes en situación de conflito social.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo