A Xunta destaca a boa acollida das axudas a particulares para proxectos de enerxías renovables

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, salientou a boa resposta que están a ter as convocatorias de axudas para o uso de enerxías renovables. Así, segundo apuntou, as achegas dirixidas a particulares destinadas á realización de proxectos de uso térmico con biomasa, aerotermia e solar térmica tiveron 134 solicitudes na provincia de Lugo ata o esgotamento do crédito, que se produciu nos dous primeiros días de prazo.

Destas iniciativas, 121 son para instalacións de biomasa, 12 de aerotermia e unha de solar térmica. Dentro desta mesma convocatoria, aínda quedan fondos dispoñibles para acceder ás axudas para xeotermia, das que nesta provincia hai 7 solicitudes polo momento. Trátase dunha convocatoria en concorrencia non competitiva que abriu no mes de abril e as achegas que lles corresponderían a estes proxectos suman preto de 300.000 euros.

Esta orde de axudas conta cun orzamento de 2,5M€ para apoiar proxectos de enerxías renovables de uso térmico en toda comunidade galega, dos que 500.000 euros son para instalacións de aerotermia (que se esgotaron ao chegar ás 164 solicitudes en toda a comunidade); 1M€ para biomasa (que se cubriron con 530 solicitudes); 50.000 euros para solar térmica (que se esgotou ao recibir a solicitude número 20) e 956.000 euros para xeotermia, unha liña de axudas para a que, tras 80 solicitudes, aínda queda crédito.

A través deste programa, apóiase a instalación de estufas de aire, cociñas calefactoras, cambio de queimadores, paneis solares térmicos, bombas de calor ou caldeiras que, no caso da biomasa, se destinarán a zonas densamente poboadas (xa que para as outras zonas xa se convocou este ano unha orde específica). A axuda é do 50% cunha contía de 60.000 euros como máximo por proxecto.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com