A Xunta implantará casas-niño no rural para conciliar a vida laboral no rural

A Xunta de Galicia pretende promover un modelo de atención á infancia no rural que facilite a conciliación da vida familiar e laboral, de xeito que axude a fixar poboación moza nos pobos e aldeas.

Así, coas casas-niño a Xunta inicia un proxecto pioneiro nas provincias de Lugo e Ourense para poñer a disposición das familias do rural uns servizos de coidado da infancia, de 0 a 3 anos de idade, naqueles concellos nos que non existen nin escolas infantís nin Puntos de Atención á Infancia (PAI), ao tempo que se potencia a posta en funcionamento de novas iniciativas empresarias en zonas rurais. Este modelo xa foi aplicado con éxito en varios países europeos e noutras comunidades do Estado, como Euskadi.

As casas-niño son domicilios particulares acondicionados axeitadamente para garantir todas as necesidades e a seguridade dos menores de 3 anos, e nos que unha persoa con formación no coidado á infancia acolle a un número reducido de nenos e nenas. Non teñen horarios estandarizados, senón que se adaptan ás necesidades de cada familia, e ofrecen atención persoal, educativa e social.

Para que as casas-niño sexan realidade no 2016 estase iniciando a formación dos potenciais interesados, unha formación especialmente dirixida a persoas en situación de desemprego que queiran apostar por unha iniciativa deste tipo.

Nestes momentos estanse a impartir en Lugo dous cursos, un de formación complementaria, para persoas que xa contan con titulación específica previa relacionada con este ámbito, e outro curso de formación integral, de 400 horas de duración. A delegada territorial, Raquel Arias, visitou hoxe ás alumnas que participan nesta actividade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com