A Xunta inicia a retirada de 1.700 expedientes do Xulgado de Viveiro

A Xunta de Galicia, a traveso da Dirección Xeral de Xustiza, iniciou a retirada de máis de 140 caixas de documentación dos arquivos dos xulgados de Viveiro. En total, trátase de máis de 1.700 expedientes liberados do xulgado de 1ª instancia e instrución nº 2 de Viveiro.

Este paso resulta indispensable para poder levar a cabo o expurgo, un proceso complexo cuxa tramitación leva meses, polo que desde Xustiza destácase a colaboración destes órganos xudiciais. Está previsto que a actuación continúe a próxima semana, coa retirada de 78 caixas máis nestes mesmos xulgados.

Tras a gravación de expedientes, o seguinte paso será a realización dun estudo das series documentais e dos organismos produtores por parte do persoal técnico de arquivos e a súa remisión á Xunta de Expurgo, xunto cun informe da Consellería competente en materia de patrimonio documental.

Posteriormente, a Xunta de Expurgo emitirá un acordo no que se determine o destino final da documentación e publicarase no DOG e en prensa, dando un prazo de dous meses para que as partes interesadas do procedemento poidan solicitar documentación.

Finalmente, procederase á destrución ou envío dos expedientes a un arquivo histórico, cando se aprecie interese documental. Pero ademais estanse a contemplar outras accións complementarias como a habilitación de novos espazos para recolocar a documentación.

O ano pasado a Xunta puxo en marcha o proceso de expurgo que permitirá aos xulgados galegos gañar ata un 75 por cento de espazo nas sedes xudiciais galegas e conservar adecuadamente os documentos con valor histórico.

Ademais, mediante o expurgo tamén se facilita o acceso á documentación nos arquivos xudiciais, hoxe en día desbordados, configurándose este proxecto como un un paso máis dentro do obxectivo de modernización da nosa Administración de Xustiza no que traballa a Xunta desde a lexislatura pasada.

En Galicia existen 50 arquivos xudiciais, os do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, as catro Audiencias e os 45 partidos xudiciais; algúns deles con expedientes que datan do seus inicios a comezos do século pasado. Estimase que en total estean almacenados uns 3 millóns de expedientes, con máis de 150 millóns de folios.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com