A Xunta investirá un millón de euros na posta en valor de novos achádegos na Muralla

Todo o mundo sabe que en Lugo, levantas unha pedra e salen restos do pasado romano castrexo da cidade. Pero o que ninguén podería pensar e que, a estas alturas, quedaría na Muralla Romana algún segredo gardado. Pois ben, o certo é que quedan moitos e algún foi revelado grazas ás últimas obras de restauración de catro cubos da muralla que levou a cabo a Xunta.

O ente autonómico ten previsto investir preto dun millón de euros na musealización e posta en valor de varios elementos atopados na muralla entre os que se atopan unha galería ou túnel interior á altura da rúa Ourense e unha escalera que arrancaría no barrio do Carme.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a desenvolver proxectos en seis puntos da Muralla que suman un investimento de 1 millón de euros, destinados á rehabilitación dos cubos LXXX, LXX, LXXI e XIX, así como á posta en valor do túnel aparecido no cubo VI e á consolidación estrutural do cubo VII. As obras nos tres primeiros están rematadas.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, participou hoxe nunha visita aos citados puntos á que foron invitados representantes das distintas institucións e asociacións de veciños, e na que os técnicos explicaron as  actuacións realizadas e avanzaron as que se levarán a cabo para musealizar o túnel e as escaleiras exhumadas no cubo XIX, entre outras.

Precisamente os traballos neste cubo non se dan por rematados porque se modificou o proxecto inicial para incluír a musealización da escaleira en base á singularidade da súa estrutura. Nos vindeiros días colocarase unha varanda de similares características ás situadas a escasos metros -na contorna de Porta Miñá- para  impedir o paso o evitar caídas, e continuaranse realizando estudos, entre eles análise por cuarzo para intentar documentar adecuadamente a época de construción.

No cubo VII desenvolverase un proxecto de rehabilitación integral para corrixir as gretas de traza vertical que presenta e evitar as humidades que afectan á estrutura. Polo que respecta ao túnel do cubo VI, a consellería leva investidos 65.000 euros no proxecto  e está pendente de que o concello asine o convenio de colaboración proposto para poder licitar as obras, xa que se actuará en terreos municipais.

O túnel foi descuberto durante as escavacións arqueolóxicas levadas a cabo con motivo das obras de restauración do cubo VI; atopouse unha galería que cruza perpendicularmente a muralla e tamén un muro paralelo ao lenzo que formaba parte dunha estrutura edificatoria correspondente a unha piscina dunha curtiduría existente na zona de época medieval.

O delegado subiliñou que a Xunta “leva a cabo un control constante da evolución do estado da Muralla” e apuntou que dende o ano 2009 “achegou a este patrimonio mundial un investimento directo de 4 millóns de euros”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com