" />

A Xunta licita a posta en valor da cloaca e a piscina atopadas no cubo VI da Muralla

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de licitar as obras de posta en valor da cloaca e outros elementos arqueolóxicos situados na contorna do cubo VI da Muralla de Lugo, ás que destina un orzamento de 72.300 euros.

As estruturas máis visibles son o pasadizo ou galería de forma rectangular que discorre perpendicular ao adarve atravesando o lenzo, e unha balsa rectangular ou piscina construída en paralelo ao monumento e unida a este por dous muros laterais, un deles con acceso de escaleiras.

A hipótese máis probable é que formaran parte dunhas instalacións máis amplas dedicadas á produción de curtidos. A análise dos morteiros determinou que hai elementos orixinais romanos e outros que pertencen ao segundo cuarto do século XVI. No proceso de escavación atopáronse entre os cascallos restos de coiros, cortizas de madeira e revestimento de alcatrán.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, lembrou que o túnel foi atopado durante as obras de rehabilitación do Cubo VI no ano 2016, e “traballouse dende entón ampliando as escavacións arqueolóxicas estudando o achado con miras a esta musealización”. Tamén foi preciso recabar a colaboración do concello para modificar a rede de saneamento e liberar o acceso á embocadura do pasadizo.

Nesta nova fase vaise proceder á escavación dunha gabia en paralelo ao muro que acomete á Muralla ao norte da piscina e chega hasta os setos, e á escavación da parte superior do muro que flanquea a escaleira para determinar a configuración da mesma.

No que respecta ás actuacións para a posta en valor, para a galería interior colocaranse luminarias idénticas ás do peto do adarve e colocadas á mesma altura, e para iluminar a piscina utilizaranse as mesma luminarias que se colocaron como bañadores de parede nas escaleiras orixinais.

Haberá escaleiras para o acceso ás partes inferiores da piscina, e a galería poderá verse a través dun acristalamento con vidro laminar. Como medida de protección procederase a colocar unha varanda e completarase a exposición dos restos cun panel de aceiro inoxidable integrado na varanda.

Javier Arias sinalou que as empresas interesadas en executar esta actuación teñen de prazo ata o día 19 de abril para presentar as súas ofertas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo