Ribeira Sacra Viñedos

A Xunta licita o Plan Ribeira Sacra para coordinar actuacións neste territorio

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, anunciou esta tarde no Parlamento de Galicia a próxima licitación do Plan de Xestión da Ribeira Sacra, como paso previo positivo e necesario para a candidatura desta paisaxe cultural á inscrición na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO, subliñando a colaboración de todas as institucións e a necesidade dunha “correcta e eficiente planificación”.

O Plan Ribeira Sacra, explicou Román Rodríguez, supón “unha verdadeira oportunidade para a protección, a mellora continua e a promoción” deste territorio e será “a mostra do noso compromiso na conservación e difusión desta paisaxe cultural”, servindo para “coordinar os investimentos e as actuacións desenvoltas polos diferentes axentes do territorio”. No marco do mesmo, está previsto desenvolver medidas concretas orientadas a conservar o valor universal excepcional desta contorna e promoverase a difusión dos seus valores dentro e fóra da zona, para que en 2021 poidamos celebrar a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Humanidade.

O conselleiro lembrou as especificidades desta declaración, que resultou novidosa e incomparable con calquera outra que se tivese realizado con antelación tanto en Galicia como no resto do Estado e subliñou a busca do máximo consenso posible durante o proceso. “Mantivéronse reunións con todos os actores do territorio”, lembrou Rodríguez. No proceso, tanto a Real Academia de Belas Artes como o Consello da Cultura Galega emitiron informes favorables á declaración de Ben de Interese Cultural da Ribeira Sacra. Así mesmo, das 29 alegacións recibidas durante o prazo de exposición pública, que se estendeu a catro meses e dez días para facilitar a participación, foron estimadas, total ou parcialmente, 23 delas, o que supón un 80% de aceptación.

A paisaxe cultural da Ribeira Sacra abrangue parte do territorio dun total de 22 concellos das provincias de Lugo e Ourense (Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil, Paradela, Monforte de Lemos, A Peroxa, A Pobra do Brollón, A Pobra de Trives, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, O Saviñao, Sober, Taboada, A Teixeira e Xunqueira de Espadanedo) en dúas zonas diferenciadas: a do Ben de Interese Cultural (BIC) e a de Amortecemento, e inclúe ademais unha serie de bens individuais.

Os bens que se relacionan coa paisaxe e se inclúen na declaración distribúense en tres categorías. En primeiro lugar, están aqueles que gozan xa da máxima protección, que son un total de 70 Bens de Interese Cultural. En segundo lugar, hai un total de 512 bens inmobles catalogados no ámbito da paisaxe cultural da Ribeira Sacra. Isto é, dentro da Zona BIC e de Amortecemento do ben que se declara polo presente decreto. E, en terceiro lugar, inclúense un total 634 bens inmobles de carácter sacro catalogados no conxunto do territorio da Ribeira Sacra.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com