A xunta local de seguridade abordou hoxe a coordinación da seguridade durante a celebración da Semana Santa en Lugo

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo e o alcalde, José López Orozco, copresidiron esta mañá –na sede da Subdelegación- a reunión ordinaria da xunta local de seguridade do municipio na que, entre outros asuntos, se detallou o plan de seguridade e tráfico deseñado polo Concello de cara á vindeira celebración da Semana Santa.

Tal e como se explicou no encontro, os efectivos da Policía Local intensificarán os traballos de vixianza para evitar incidentes nos actos programados pola Xunta de Confrarías con motivo da Semana Santa. O dispositivo fará especial fincapé en facilitar o paso das procesións e garantir a seguridade cidadá, así como en asegurar unha axeitada regulación do tráfico cando sexa preciso para evitar problemas tanto a condutores como a peóns.

A Policía Nacional comprometeuse a traballar conxuntamente cos efectivos da Policía Local para reforzar o operativo de seguridade, dun xeito especial durante os días centrais nos que se prevé unha maior concentración de xente.

O traballo conxunto e coordinado dos corpos policiais, que se concretará nunha mesa técnica, favorecerá unha atención máis áxil e eficaz aos participantes nos desfiles procesionais, aos propios veciños e tamén aos visitantes que se acheguen a Lugo durante esta celebración.

Os membros da xunta local de seguridade fixeron tamén esta mañá unha análise global da situación da delincuencia en Lugo e destacaron que, atendendo aos datos de denuncias rexistradas ao longo do ano 2014, os delitos rexistraron un lixeiro descenso no municipio con respecto ao ano 2013.

Valoraron ademais o traballo que están a desenvolver os efectivos dos diversos corpos policiais con presenza na capital luguesa, xa que permitiu acadar un alto grao de eficacia na resolución dos delitos rexistrados no concello durante o ano pasado.

No transcurso da xuntanza, o subdelegado do Goberno informou tamén sobre o traballo realizado polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado no marco do Plan director para a convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos e as súas contornas. A Secretaría de Estado de Seguridade puxo en marcha dito plan no ano 2013 co obxectivo de informar ao alumnado, profesorado e Anpas sobre temas como o acoso escolar, o consumo de alcohol e drogas, a violencia de xénero ou os riscos do uso inaxeitado de internet e as redes sociais.

Ao longo do curso 2013/2014, os axentes impartiron 60 charlas nos centros educativos de Lugo. En toda a provincia, beneficiáronse do plan 70 centros e ao redor de 14.500 persoas. No curso actual, impartíronse un total de 21 charlas en centros de ensino do municipio. As forzas de seguridade realizaron ademáis dúas  exhibicións de unidades policiais e participaron en dous simulacros de emerxencia e evacuación.

Na xunta desta mañá, ademais do subdelegado do Goberno e o alcalde de Lugo, participaron tamén representantes da Policía Nacional, a Policía Autonómica e a Policía Local, entre outros.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com