A Xunta Local de Seguridade reforza o dispositivo do Arde Lucus

A Xunta Local de Seguridade aprobou o dispositivo previsto para o Arde Lucus, que inclúe a actualización do Plan de Autoprotección da festa, o reforzo da coordinación entre os servizos de emerxencia e a implantación de novas medidas de prevención e atención ao público.

Segundo se informou durante a reunión, o plan foi adaptado ás necesidades actuais da celebración e ás modificacións rexistradas nos espazos nos que se desenvolven as actividades. A coordinación dos distintos servizos realizarase desde un Posto de Mando Avanzado, que centralizará a información e a xestión de posibles incidencias durante os días da festa.

Entre as novidades previstas figura a habilitación dun punto para a localización de menores na Praza da Soidade e a instalación dun Punto Violeta en Casas Novoa, ao servizo dos campamentos participantes.

No ámbito da prevención, os espectáculos con lume contarán con dispositivos específicos de seguridade e medios de extinción adaptados a cada actividade. Ademais, o operativo reforzarase con máis efectivos dos servizos de Bombeiros e da Policía Local, que nos momentos de maior afluencia superarán os 15 e os 20 efectivos, respectivamente, na contorna do evento.

A reunión serviu tamén para coordinar a participación das distintas administracións e corpos de seguridade implicados no dispositivo do Arde Lucus.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com