" />

A Xunta pide á Fonsagrada a solicitude do informe de viabilidade da conexión ao futuro polígono

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, vén de pedir ao Concello da Fonsagrada que axilice a solicitude do informe de viabilidade para avanzar no proxecto de construción do futuro parque empresarial. Segundo denunciou esta mañá o delegado, a Axencia Galega de Infraestruturas leva preto dun mes á espera de que o Concellosolicite de xeito oficial este documento e, en concreto, no relativo ao enlace á estrada autonómica mediante unha rotonda de acceso.

Arias lembra que o pasado 18 de xaneiro, tivo lugar unha reunión entre o alcalde da Fonsagrada, un técnico deste Concello e o xefe de servizo da Axencia Galega de Infraestruturas, na que se lles explicou que tiñan que presentar, previo ao proxecto construtivo, unha solicitude ó departamento autonómico para que emita un informe de viabilidade, para que o proxecto se axuste á normativa, evitando así futuros retrasos na autorización do proxecto e na execución da obra.

Neste informe previo de viabilidade recolleríanse os datos técnicos relativos a aspectos como o diámetro, pendentes, ángulos de entrada e saída e trazado, entre outros, para que o proxecto se axuste a estes criterios e a autorización se poida conceder o máis pronto posible, evitando dilacións no tempo e ter que repetir o documento técnico.

Porén, desde que o pasado día 18 cando os representantes municipais acudiron á reunión con representantes da Axencia Galega de Infraestruturas unicamente cun plano do PXOM, non fixeron formalmente esta solicitude nin ningunha outra xestión, polo que dificilmente poden pedir dilixencia e axilidade a outras administracións, cando é o propio Concello da Fonsagrada o que non cumpre coa tramitación necesaria.

No caso da Xunta, ademais, comunicáronlle ao Concello que de pedir ese informe de viabilidade se lles contestaría no prazo dun mes coa máxima dilixencia posible, para avanzar neste proxecto e favorecer a construción do polígono industrial.

Resulta sorprendente que o Concello da Fonsagrada e a Deputación de Lugo participen en coloquios sobre o futuro parque, pedindo á Xunta axilidade, cando a día de hoxe aínda non realizaron os trámites iniciais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo