A Xunta pon en marcha o Plan de Mantemento do Adarve de cara ao Arde Lucus

A Consellería de Cultura e Turismo está a desenvolver un programa especial de mantemento do adarve da Muralla que inclúe a retirada da vexetación existente no paseo central e no chan dos cubos de cara á celebración da festa do Arde Lucus que terá lugar esta fin de semana.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a intención do executivo é garantir o bo estado deste espazo, que toma gran protagonismo nesta cita festiva, declarada de interese turístico nacional. A Consellería de Cultura e Turismo autorizou unha marcha nocturna o 14 de xuño, polo que tamén se reforzará o control sobre a iluminación.

Operarios da empresa concesionaria das obras de conservación -Resconsa- executarán as tarefas de limpeza manual do adarve e de comprobación da iluminación, entre outros labores de mantemento.

Por outra banda, Balseiro lamentou a tardanza do Concello de Lugo en outorgar a licenza municipal para as obras de conservación e mantemento do monumento, incluída a aplicación de herbicidas para controlar a xerminación de especies vexetais.

Tal e como alertou no seu momento, o feito de que o Concello non aprobase esta licenza ata o pasado 2 de maio, impide que a Xunta acometa a aplicación dos herbicidas sobre os paramentos da muralla debido á presenza dos cirrios; estas aves migratorias aniñan na Muralla habitualmente dende o mes de abril e ata finais do verán.

Sobre esta cuestión o delegado lembrou que a Xunta solicitou a licenza de obras o 28 de agosto de 2018, non foi ata sete meses despois que o Concello fixo un requirimento do documentación adicional, con data 28 de marzo de 2018 e non foi ata nove meses despois da solicitude inicial que o Concello deu a autorización oportuna.

Tamén, en relación con este mesmo asunto, a Xunta avanzou que, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, ten previsto poñer en marcha -unha vez que marchen os cirros- a terceira fase do plan experimental para o control da xerminación nos lenzos da muralla mediante produtos herbicidas naturais. En principio utilizarase esta metodoloxía en catro lenzos e no resto seguirá executándose a limpeza manual, e no caso de resultar efectivo ampliarase a todos os lenzos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com