" />

A Xunta proporciona clases de iniciación á escalada a 300 escolares de Lugo

A Xunta de Galicia puxo en marcha un plan piloto de iniciación á escalada ao abeiro do programa Xogade, da Secretaría Xeral para o Deporte, no que participarán 300 alumnos e alumnas de máis dunha ducia de centros educativos das distintas comarcas da provincia.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou ao alumnado do Centro Público Integrado (CPI) de Guntín e do Instituto de Educación Secundaria (IES) do Camiño en Palas de Rei, que pertencen á Agrupación Deportiva Sur de Xogade e practicaron hoxe no rocódromo instalado no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

A Secretaría Xeral para o Deporte asume os traslados, custo dos monitores e seguros para os participantes. Está previsto que en cada xornada participen quendas de 50 escolares, que representarán a cada unha das seis agrupacións deportivas nas que se organiza o programa de deporte escolar da Xunta na provincia.

Así, abriron a programación a semana pasada o Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Ínsua Bermúdez de Vilalba e o IES da Pastoriza, da agrupación Terra Chá. Mañá chegarán dende A Mariña alumnos e alumnas dos colexios O Pilar e Martínez Otero, de Foz.

O vindeiro luns participarán, pola agrupación Val de Lemos, o CEIP A Gándara e o colexio Ferroviario, ambos de Monforte de Lemos. E o xoves día 5 representarán á Agrupación da Montaña os CEIP das Nogais, Becerreá e Baralla. En vindeiras semanas celebrarase unha última xornada con escolares da agrupación de Lugo.

O rocódromo de Lugo conta con 1300 m2 escalables distribuídos en catro sectores con distinto nivel de dificultade. En concreto, o muro de iniciación é de 12×12,5 metros, con diedros, placas e formacións que simulan a escalada en roca.

A instalación cumpre os requisitos do Comité Olímpico Internacional (COI) para a celebración de probas internacionais en formato olímpico, o que sitúa a Lugo como epicentro das competicións de escalada indoor de España. Ademais, posúe unha plataforma situada a 15 metros de altura para a práctica de técnicas de montañismo como o rápel e a progresión con cordas fixas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo