" />

A Xunta recibe ata 67 solicitudes de axudas para rehabilitar vivendas na ARI da Ribeira Sacra

A Xunta de Galicia recibiu este ano un total de 67 solicitudes de axudas para rehabilitar ou construír vivendas para uso residencial nalgún dos 25 concellos que conforman a Área de rehabilitación integral (ARI) da Ribeira Sacra, unha figura de carácter supramunicipal declarada en febreiro do ano pasado.

Durante unha visita a Pantón para coñecer os traballos executados nunha das vivendas que resultaron beneficiarias destas subvencións, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que, ata o momento, xa se concederon 24 axudas pero que o Instituto Galego da Vivenda e Solo aínda está a analizar parte das solicitudes recibidas, xa que o prazo de presentación rematou o pasado 30 de setembro.

Cómpre lembrar que é o segundo ano que a Xunta convoca esta liña de subvencións dirixida a particulares, comunidades, agrupacións de propietarios e administracións públicas con inmobles localizados dentro da ARI da Ribeira Sacra para realizar traballos de mantemento e rehabilitación,tanto no exterior como no interior. Entre as actuacións subvencionables tamén se inclúen as obras de demolición de vivendas unifamiliares e edificios co fin de promover outras de nova construción.

O importe máximo das axudas ás que poden aspirar os solicitantes é de 25.000 euros, unha contía prevista para aqueles casos nos que as obras se adapten ás recomendacións da Guía de cor e materiais.

No caso da vivenda que visitou hoxe a conselleira, os propietarios recibiron unha subvención de 22.200 euros coa que sufragar as melloras executadas en materia de eficiencia enerxética, intervindo sobre a fachada e a cuberta, pero tamén no seu interior.

Co seu apoio económico a actuacións de rehabilitación como esta, subliñou, a Xunta promove a recuperación do patrimonio xa construído e, á vez, pon en valor o potencial das vilas e aldeas da Ribeira Sacra como lugares atractivos para vivir, un recoñecemento avalado tamén pola Unesco coa súa declaración oficial, o pasado 15 de setembro, como sétima reserva da biosfera de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo