" />

A Xunta responde ás críticas do Concello sobre os requerimentos da praia fluvial

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou hoxe que o ente autonómico requiriu ao concello de Lugo o pasado mes de xaneiro que corrixira seis deficiencias detectadas no expediente para a instalación dunha zona de baño (praia fluvial) no río Miño da capital. Seis meses despois, só emendaron unha das cuestións apuntadas.

Balseiro afirmou en rolda de prensa que “ao Concello de Lugo non se lle pide nada distinto do que se lle pediu hai seis meses, nin do que se lles pide a outras administracións ou interesados en situacións semellantes”, e afirmou que os servizos técnicos da Xunta “están, como sempre estiveron, a disposición do Concello para que poidan corrixir os problemas detectados, que son subsanables, se teñen vontade de facelo e de abrir a piscina fluvial este verán”.

O delegado sinalou que o requirimento do Servizo de Conservación da Natureza da Delegación Territorial de data 17 de xaneiro de 2018 poñía de manifesto a necesidade de concretar seis aspectos no proxecto: Se a zona de baño incluirá servizos imprescindibles como persoal de socorrismo, embarcacións de apoio ou aseos de uso público; datos sobre o alcance dos traballos e maquinaria a utilizar; puntos de ancoraxe no leito fluvial e na beira e medidas para protexer as augas; xestión dos residuos na futura zona de baño; estudo batimétrico que determine  o caudal e profundidade do rio no punto no que se van a situar as piscinas; e por último, posibles afeccións á fauna e flora desa zona e as correspondentes medidas de protección.

“Non son peticións desproporcionadas, nin tampouco distintas ás que se requiren no resto da provincia para instalacións destas características”, afirmou Balseiro. A resposta do concello foi enviar un novo proxecto, o pasado mes de marzo, no que se cambiaba o emprazamento da praia fluvial, se ben o 13 de abril enviaron outro documento recuperando o emprazamento orixinal e que só aclara unha das cuestións en dúbida: A dotación de servizos na zona, “deixando incompletos o resto dos puntos requiridos”.

O proxecto segue sen achegar o estudo batimétrico, no que se indiquen as datas nas que se efectuaron as mostras e, en vez de presentar unha avaliación real sobre a fauna e flora que hai no espazo no que se pretenden instalar as piscinas, presentan un estudo xenérico sobre a flora e fauna que hai no conxunto do rio. “Dos seis puntos que se pedían corrixir no mes de xaneiro, só completan un deles  -insistiu o delegado- o que levou ao Servizo de Conservación da Natureza a efectuar un novo requirimento o pasado 5 de xuño”.

Con todo, Balseiro subliñou que a Xunta “ten toda a disposición de colaborar para impulsar este expediente e vamos a dar ao Concello todas as facilidades posibles. Están a tempo de corrixir eses defectos, que son emendables, para que poida autorizarse a instalacións das piscinas este verán”. “A Xunta non quere ser obstáculo para que Lugo dispoña dunha zona de baño pública no río Miño e tampouco nos interesa afondar nesa estratexia de confrontación que parece ter iniciado o Goberno local”, concluíu o delegado.

Como non podía ser doutra forma, ante estas declaracións do delegado, o voceiro municipal, Miguel Fernández, asegurou que o Concello si respondeu a todas as cuestións requeridas polo ente autonómico pero que, se aínda queda algo, están dispostos, dixo, “a botar o resto” para contar na cidade, canto antes, cun área de baño no río Miño.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo