O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, valorou moi positivamente a publicación das bases do concurso de ideas para a redacción do anteproxecto da nova residencia para persoas maiores en Lugo.
O centro residencial lucense terá 120 prazas e estará situado no barrio da Residencia, substituíndo ao antigo Hospital Xeral, hoxe en demolición. Segundo a previsión inicial contará con 75 traballadores. Disporá dunha superficie construída máxima de 6.500 metros cadrados e unha altura na edificación de cinco andares.
A iniciativa, que nace ao abeiro do plan autonómico Como na casa prevé a construción de sete novas residencias nas sete grandes cidades galegas, entre elas a capital lucense. A Xunta, Afundación e Abanca colaboran no desenvolvemento deste proxecto. A entidade bancaria financiará integramente esta convocatoria, de xeito que este concurso de ideas non suporá ningún desembolso económico para as arcas autonómicas.
O prazo para presentar permanecerá aberto ata o 4 de febreiro. Rematado ese período, as propostas serán valoradas por un xurado conformado por dous representantes da Xunta, un do Colexio Oficial de Arquitectos, un de Afundación e un de Abanca.
A convocatoria inclúe tres premios para os mellores proxectos: 9.000 para o gañador, 6.000 para o segundo e 5.000 para o terceiro.
As sete novas residencias, incluída a de Lugo, contarán cun deseño moderno e integrarán os avances arquitectónicos e tecnolóxicos centrados en favorecer a calidade de vida das persoas maiores.
Todas as novas residencias dividiranse nas mesmas zonas ou áreas -sendo a residencial a máis ampla-, con estancias destinadas ao aloxamento, comedor, perruquería, cuarto de enfermaría, sala de estar e paseos. Así mesmo, cómpre salientar que a maioría das persoas residentes disporán de habitacións individuais.
Entre as principais novidades, todos os centros disporán unidades xeriátricas e psicoxeriátricas diferenciadas, é dicir, contarán con zonas específicas para aloxar, coidar e traballar con residentes que padezan deterioracións ou trastornos cognitivos severos.
O resto das áreas destinaranse a zona social; a atención especializada, que acollerá a consulta médica, as salas de rehabilitación e podoloxía, a farmacia e unha unidade de enfermaría; e a zona de administración e servizos como lavandería e cociña.