" />

A Xunta saca a concurso no Polígono das Gándaras máis de 33.000 m² de solo industrial

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de poñer a disposición das empresas interesadas catro parcelas de solo industrial no polígono lucense das Gándaras. Estes solares, cunha superficie total de 33.606 metros cadrados, están incluídos no concurso que convocou a empresa pública Xestur o pasado 10 de febreiro e en virtude do cal os adxudicatarios beneficiaranse dunha bonificación do 50% aplicada pola Xunta sobre o prezo de venda oficial.

Así o lembrou esta mañá a conselleira Ángeles Vázquez en Lugo, a onde asistiu convidada pola Asociación de Empresarios do Polígono do Ceao e das Gándaras para falar da dispoñibilidade actual de solo para novos proxectos na cidade e o desenvolvemento a curto prazo de máis superficie de uso empresarial que permita cubrir as necesidades a futuro. Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta vén de sacar un novo concurso para a venda de 770.000 metros cadrados de solo empresarial en 17 parques da súa propiedade. Un destes polígonos é o das Gándaras, onde se ofertan catro parcelas con 33.606 metros cadrados e un prezo de venda sen bonificar de 3.192.570 euros, polo que as empresas que se fagan con estes solares beneficiaranse dun aforro estimado en case 1,6 millóns de euros.

Ademais das bonificacións do 50% aplicadas pola Xunta, a conselleira explicoulles aos empresarios do Ceao e As Gándaras que os interesados tamén teñen a opción de adquirir solo en réxime de dereito de superficie, unha modalidade mediante a cal os adxudicatarios abonan un canon anual equivalente ao 1,5 por cento do prezo da parcela sen bonificar durante os dous primeiros anos. O prazo de presentación de ofertas remata o 10 de marzo.

Por outra banda, a conselleira e os representantes do sector empresarial das Gándaras tamén falaron da ampliación do polígono, cuxa primeira fase abordarase este ano e permitirá que unha soa empresa ocupe unha superficie de 25.000 metros cadrados así como abordar a construción de vieiros interiores, unha rotonda e a urbanización de aproximadamente a metade da parcela correspondente á seguinte fase da ampliación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo