" />

Ábrese o proceso de contratación do desdobramento da Infanta Helena

A Deputación aprobou en Xunta de Goberno o inicio da contratación de desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena, ás que o Executivo Provincial achega 1,4 millóns de euros. As empresas interesadas en participar neste proceso público teñen ata o vindeiro 27 de febreiro. Toda a información atópase no perfil do contratante da Deputación.

Trátase da primeira fase deste proxecto, que vai do tramo dende o enlace da vía coa Ronda Norte ata a glorieta 25-N, situada xunto á área comercial, e que transformará unha das arterias de comunicación máis importantes de Lugo, cun tráfico diario superior aos 8.400 vehículos e cun índice de 711 vehículos pesados ao día. O desdobramento e humanización desta vía suporá unha mellora substancial da seguridade viaria e accesibilidade de condutores, viandantes e ciclistas pois pasará a ter entre dous e tres carrís de circulación por cada sentido, unha rotonda á altura da avenida Paulo Fabio Máximo, carrís bici, beirarrúas, iluminación LED, mobiliario urbano e arboredo en todo o percorrido.

No tramo que vai do enlace da Avenida Infanta Elena coa Ronda Norte ata a avenida Paulo Fabio Máximo pasarase dunha vía de 11 metros de ancho, con un único carril por cada sentido de circulación, sen beirarrúas e sen alumeado, a unha estrada de 30 metros de ancho. Na marxe dereita terá dous carrís de circulación de vehículos sentido O Ceao e un carril bici con ambos sentidos de circulación, segregado do tráfico rodado con dobre liña e separador físico con elementos de plástico reciclado. Na marxe esquerda terá tres carrís de circulación, en sentido centro da cidade. Crearanse beirarrúas a ambas marxes de 4.05 metros cada unha, que contarán con arboredo, bancos e papeleiras, e unha mediana de 1,40 metros con céspede e arboredo.

No cruce desta vía con Paulo Fabio Máximo, pasarase da actual intersección regulada por semáforos a unha rotonda, para favorecer a seguridade e fluidez do tráfico. Na marxe dereita –en sentido O Ceao- darase continuidade ao tránsito peonil e de bicicletas, urbanizando a sección completa ata o paso de peóns e de ciclistas, e conectando coa calzada existente. Na marxe esquerda, darase continuidade tamén ao itinerario peonil coa adaptación do paso de peóns existente.

O último tramo da vía, ata a rotonda do centro comercial, conta con 30 metros de ancho, as mesmas dimensións que as que terá despois das obras o tramo que vai dende o enlace coa Ronda Norte a Paulo Fabio Máximo. Polo tanto, o obxectivo do proxecto neste caso é darlle continuidade ao trazado e circulación de peóns, bicicletas e vehículos, redistribuíndo o espazo das calzadas para que quede igual que o treito Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo. Deste xeito, pasarase dos actuais dous carrís por cada sentido a establecer na marxe dereita dous carrís de circulación de vehículos sentido O Ceao e un carril bici con ambos sentidos de circulación, segregado do tráfico rodado. Na marxe esquerda haberá tres carrís de circulación, sentido centro da cidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo