Académicos en Vilalba

En determinadas profesións, falar da Academia significa referirse a un período de formación especializada que define e marca a todo o que por ela pasa. Pero para os de Vilalba ten un significado máis específico, entrañable e indeleble.

Cando en Vilalba non había Instituto, existía a Academia Santa María, no meu tempo dirixida polo párroco, Adolfo Pato, onde vilalbesas e vilalbeses estudiabamos por libre para logo vir examinarnos a Lugo, en compañía dos alumnos oficiais que non deran superado o curso en tempo e forma. O mesmo pasaba con Maxisterio, e uns cantos conseguimos o título grazas ao ensino do esforzado profesorado vilalbés.

Hai máis de medio século que a Academia desapareceu, ao normalizarse en Vilalba a formación de tipo medio, polo que aquel centro deixou de producir anuais fornadas de bachareles ou mestres que de por vida gardamos memoria agradecida do centro que nos catapultou a un futuro diferente.

Proba desa memoria é que hai catorce anos demos en xuntarnos cada mes de agosto para visitar a Academia, e poñer en común lembranzas e experiencias nun xantar no Parador vilalbés. Este anos xuntámonos vintedúas rapazas e rapaces, coa mesma ilusión de sempre, con maior experiencia, e con ganas de repetir mentras os corpos aguanten e máis despois. E co propósito de, para o 2026, intentar contaxiar da nosa ilusión a outros veteranos académicos que, pola razón que sexa, non puideron estar connosco. Queremos compartir con todos eles o chute de ilusión e de ledicia que cada ano recibimos ao comprobar a resistencia do vencello que nos une aos devotos dunha institución na que aprendimos a vivir.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com