Accidéntase na Ronda da Muralla e fúgase para que non o multen por “saltar o toque de queda”

Sobre as 23:00 horas do pasado día 16 de abril, unha persoa informa á Sala do 092 da Policía Local de Lugo que observa como un turismo azul realiza un “trompo” para acceder desde a rúa Emilia Pardo Bazán a Ramón Montenegro, dirección a Fontiñas e á altura da rúa Río Chamoso volve realizar outro cara esta, perdéndoo de vista, aínda que non deixa de oír o ruído do motor, volvendo aparecer este turismo pola rúa Paxariños para acceder a San Roque.

Como o fai a gran velocidade a persoa denunciante teme pola integridade da súa muller e fillo e dilles que se introduzan no oco dun portal, continuando o turismo pola rúa San Roque á mesma velocidade cara á Rolda da Muralla, oíndo, acto seguido, un forte ruído, momento no que corre cara á Rolda, observando varios valos salva peóns esparexidos pola beirarrúa desta vía, produto dunha colisión deste vehículo e a un grupo de persoas que anotaron a placa de matrícula, pois o coche fuxira do lugar.

Inmediatamente acoden ao lugar patrullas do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo e un equipo de Atestados deste Corpo, comprobando que un turismo chocara contra os valos salva peóns da Rolda da Muralla, próximos á Porta de San Pedro.

Así mesmo, identifican a un peón que se atopaba na beirarrúa, detrás dos valos no momento do accidente, o cal dá un salto instintivamente cara á zona axardinada para non ser esmagado polos valos e o vehículo, manifestando que resultara ferido nun pé, trasladándose a un centro médico.

Momentos máis tarde localízase o vehículo causante dos danos, estacionado na rúa Montero Ríos, sendo retirado polo servizo de guindastre ao Depósito Municipal, onde queda inmobilizado. As testemuñas manifestan que o condutor é un home novo, dirixíndose os axentes ao domicilio da propietaria do turismo, nai do que resultou ser o condutor, manifestando que non sabía nada del, facilitando o seu domicilio actual.

Ás poucas horas lógrase a identificación do condutor, de 27 anos de idade, que se presenta na Xefatura da Policía Local, manifestando que quedou durmido, que se ausentou xa que non causara dano a ninguén e asustouse por temor a ser denunciado por quebrantar o “toque de queda”. O equipo de Atestados revisa as imaxes das cámaras de tráfico e instrúe dilixencias contra o condutor como autor dun delito contra a seguridade viaria, por conducir de forma manifestamente temeraria poñendo en concreto perigo a vida ou a integridade das persoas, como investigado na modalidade de Xuízo Rápido.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com