ACE-EU considera inaceptables as deficiencias no concurso e proxecto para cubrir Quiroga Ballesteros

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida considera inaceptables “as múltiples deficiencias constatadas tanto no proceso do concurso para escoller o proxecto de cuberta da rúa Quiroga Ballesteros trala súa peonalización, como na proposta seleccionada”.

En primeiro lugar, as bases do concurso “non contemplaban a lexislación contra incendios, que tampouco ten en conta o proxecto gañador. O Código Técnico de Edificación, de absoluto e obrigado cumprimento, que inclúe o Documento Básico de Seguridade ante Incendios, establece que o espazo de manobra para os bombeiros entre os edificios dunha altura superior a 9 metros debe ser dunha anchura mínima de 5 metros libres. A cuberta proposta non dispón esa anchura mínima de 5 metros, polo que se incumpre de xeito máis que claro a legalidade”. E continúa “un camión de bombeiros non podería nunca despregar a súa escada nin desenvolver o plan de evacuación ao edificio do Mercado de ser necesario”, advirte o concelleiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe. “Este grave incumprimento demostra como mínimo a improvisación constante do goberno de Lara Méndez, senón algo peor”.

 ACE-EU sinala que o proxecto seleccionado “non se axusta sequera ás bases do propio concurso de ideas que o seleccionou, xa a que a cuberta excede o ámbito delimitado nas mesmas, e, para maior gravidade, afecta directamente á zona de protección dun elemento protexido por ser Ben de Interese Cultural (BIC), a Igrexa de San Pedro, catalogada como Monumento Artístico Nacional dende 1931. A cuberta proposta afecta á cabeceira de estilo gótico desta igrexa, e en todo caso sería preciso solicitar o informe da Secretaría Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. Este Concello ten precedentes de sobra coñecidos para saber as fatalidades de non contar con este tipo de autorización”, salientou Portomeñe, en clara referencia as torres ilegais de O Garañón.  

 O concelleiro lembra que as bases do concurso “foron impugnadas polo Colexio Oficial de Arquitectos por non preservar o anonimato esixido no artigo 188” do Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público. “Non podemos ignorar as sospeitas sobre este procedemento manifestadas por nada menos que o COAG, que se fan plausibles por esta ausencia de anonimato nas bases plantexadas”. Incluso a Unión de Arquitectos das Administracións Públicas, pertencente ao Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España se fixo eco na súa páxina oficial das queixas pola insuficiencia do prazo de 15 días establecido para a presentación de propostas, entre outras deficiencias. “Que unha administración que tarda dous meses en redactar os requirimentos para un proxecto desta complexidade só deixe a cuarta parte dese tempo para a elaboración do propio proxecto é cando menos un sinsentido”, insiste o voceiro de ACE-EU, que considera que “o goberno local converteu con esta chapuzada ao Concello de Lugo no hazmerreír a nivel nacional dos colexios profesionais de arquitectura”.

 ACE-EU considera “positiva e necesaria a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros, para o que lembra que xa existía un proxecto xa pagado para peonalizala en 2014 que non se sabe porqué motivo se deixou nun caixón, pero non ve prioritaria a súa cuberta e moito menos nestas precarias e aceleradas condicións. “De feito, a cuberta carece de partida orzamentaria, nunca estivo contemplada nas modificacións dos Orzamentos aprobadas este verán”, salienta Portomeñe. 

 

 

 

 

 

 

    

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com