ACE-EU considera unha “tomadura de pelo” a reducción de 4 céntimos nos comedores escolares

Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida lembra que a ordenanza de comedores escolares que o goberno local elaborou a instancias dunha proposición plenaria deste grupo municipal debe aplicar a progresividade por renda familiar, tal como se aprobou no Pleno. ACE-EU lembra que foi no Pleno de abril do ano pasado cando saíu aprobada a iniciativa de regularización do servizo, polo que o equipo de goberno tivo tempo de sobra para elaborar os pregos do concurso e a ordenanza para establecer prezos públicos progresivos, atendendo á renda familiar.

ACE-EU considera “unha tomadura de pelo” a reducción de prezo puramente simbólica de catro céntimos establecida polo equipo de Lara Méndez: ata agora a tarifa para os usuarios regulares viña sendo de 4 euros diarios, é dicir, 80 euros de tarifa mensual; e agora pasará a ser 3,96 euros diarios (3,60 x 10% de IVA), polo tanto serían 79,2 euros mensuais.

“Estes prezos continúan a ser abusivos e pensados para o beneficio privado das empresas adxudicatarias. De feito, con este cambio os prezos dos comedores de Lugo continuarían a ser o máis caros de Galicia, por enriba dos 77,5 mensuais de A Coruña e os 73,5 de Ourense. Temos que aspirar a prezos máximos máis xustos e asequibles, algo perfectamente factible, non en van en Vigo a tarifa mensual son 55 euros e en Pontevedra 67,9 euros, moi por debaixo do prezo que se quere impoñer en Lugo”, explica Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

Para ACE-EU, a prioridade e o sentido mesmo de elaborar unha ordenanza para regular o prezo dos comedores escolares debe ser garantir a progresividade nos prezos dos menús escolares, para ampliar o abano de usuarios e facilitar o acceso ás familias con menos recursos.

O concelleiro de ACE-EU tamén salientou que a outra prioridade da licitación municipal dos comedores escolares debe ser a calidade do servizo. “Esiximos que se apliquen tódolos mecanismos legalmente posibles para primar a calidade sobre a oferta económica, como se ven facendo noutras administracións do Estado para garantir menús saudables. É perfectamente viable apostar polas cláusulas sociais e puntuar ata o máximo permitido a eliminación de frituras, comidas precociñadas e os alimentos menos nutritivos; así como o aumento de froitas e verduras de temporada, a incorporación de productos ecolóxicos, unha maior rotación dos menús e mesmo a supresión do emprego de envases de plástico para conservar e quentar a comida”, apuntou Portomeñe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com