ACE-EU cuestiona a imparcialidade do Concello na selección dos participantes nos obradoiros de emprego

O voceiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida (ACE-EU), Carlos Portomeñe, amosou esta mañá as súas dúbidas ao respecto da imparcialidade e a transparencia na selección dos participantes nos obradoiros de emprego do Concello de Lugo, por isto mismo anunciou que preguntará na vindeira Comisión de Economía por este proceso de selección nos obradoiros de emprego organizados polo Concello a través do CEI-NODUS, ante as queixas trasladadas por numerosos demandantes de emprego debido á falta de información e claridade neste proceso.

Portomeñe critica que nas bases para a selección dos traballadores non se estableza o procedemento a seguir para que as persoas aspirantes poidan tramitar a súa solicitude nin se especifique un prazo de inscripción. Ademais, para este grupo municipal existen claras deficiencias na difusión deste tipo de obradoiros municipais, o que dificulta que as persoas desempregadas poidan enterarse da súa celebración a tempo de apuntarse.

“A transparencia e publicidade na organización deste tipo de iniciativas son imprescindibles para garantir a igualdade de oportunidades na participación. Se non se garante que tódalas persoas susceptibles de participar reciban a mesma información e poidan inscribirse de xeito equitativo, estáse a sesgar a selección pública”, explica Carlos Portomeñe, quen asegura que a inserción laboral “é un tema moi sensible nun municipio con máis dun 15% de taxa de desemprego”.

Ao fío destas declaracións saíu a concelleira de Economía do goberno lucense, Ana Prieto, quen afirmou que o Concello cumpre coas bases marcadas pola Xunta de Galicia que establecen que os aspirantes deben estar inscritos no Servizo Público de Emprego e é esta administración quen debe realizar unha primeira selección de candidatos achegando ao concello unha lista. “Desa lista, se elixe aos participantes en base a uns baremos fixados previmaente por unha comisión mixta formada por membros da Xunta e do Concello”.

Prieto afirmou que toda a información a cerca das bases de selección foi posta en coñecemento dos medios de comunicación e, tamén, exposta na páxina web do Concello. A edil asegurou que “por parte do concello houbo toda a transparencia e difusión posible”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com