ACE -EU-Equo asina o seu Código Ético

As candidatas e candidatos da lista de unidade popular Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida- Equo asinaron esta mañá na Praza Maior o Código Ético elaborado para garantir a rexeneración democrática da administración municipal. “Ante a normalización e a inercia de prácticas irregulares na xestión local, cómpre impregnar de ética tódalas decisións tomadas dende o Concello de Lugo, máis ala dos meros legalismos que tapan costumes ilexítimas e impropias dunha auténtica democracia. Para erradicar e previr a corrupción, somos a alternativa da honestidade, a transparencia e a participación cidadá”, sinalou Carlos Portomeñe, candidato á alcaldía.

ACE-EU-Equo propón a creación dun Rexistro Local de Obsequios e Invitacións Institucionais para garantir que os representantes públicos non gozan de privilexios por razóns do seu cargo nin se ve influída a súa acción política por prebendas. Outra das primeiras medidas sería a limitación do mandato e do salario da alcaldía e das concelleiras e concelleiros a tres veces o salario mínimo interprofesional. Isto suporía baixar nun 44% o actual salario da alcaldesa, que cobra 4.800 euros mensuais tras subir o seu soldo en 600€ con respecto ao que cobraba anterior alcalde.

Un goberno de Alternativa Cidadá de Esquerdas introduciría o mecanismo de Revogación do Mandato e Moción de Censura Cidadá, requiriría nas bases de execución dos Orzamentos anuais que todos os grupos municipais deban publicar e xustificar a súa contabilidade, e esixiría a declaración municipal do réxime de incompatibilidades dos membros da Xunta de Goberno coa titularidade de obras, servizos ou suministros ao Concello, padroados ou empresas e sociedades.

“Consideramos necesaria tamén a renovación das xefaturas de servizo asignadas a perpetuidade por libre designación, cubríndoas por concurso para garantir a equidade e independencia na dirección de todos os departamentos municipais; a limitación de número de cargos de libre designación e asesores por parte do goberno e dos grupos municipais, e o control do absentismo do cargo público e sancións por abandono de función”, enumerou Portomeñe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com