" />

Ace-EU pide á alcaldesa que desista de facer a pasarela do Anxo Carro

Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida (Ace-EU) solicitou esta mañá á alcaldesa de Lugo que teña en conta o criterio técnico que no estudo de viabilidade da pasarela sobre a N-VI concluíu que o acceso peonil e ciclable ao campo de fútbol do CD Lugo non era necesario, pois a opción que supoñía un itinerario útil non era viable e a única opción factible, a que ten pensado executar o goberno local, non ofrece unha solución por ter un percorrido de maior distancia que as rutas xa existentes.

Por iso, o grupo municipal encabezado por Carlos Portomeñe, pide que o goberno local desista de construír unha pasarela que resultaría contraproducente por resultar “un gasto inútil” e non aportar realmente un novo itinerario que a veciñanza vaia aproveitar e que sirva “de verdade” para achegar o centro urbán coa zona do río. 

Carlos Portomeñe aproveitou tamén para propór varios itinerarios alternativos para que se explore a súa viabilidade dende o equipo de traballo da Estratexia DUSI. Posto que todo o ámbito da intervención se atopa dentro do territorio histórico do Camiño Primitivo, todas as alternativas propostas consisten en solucións que non supoñan a introdución de ningún novo artefacto que poida ter presencia na paisaxe, senón a mellora das condicións, a nivel ou baixo rasante, dun viario non tradicional como é a N-VI, co obxectivo de non interferir na percepción e apreciación do territorio histórico do Camiño Primitivo dende o trazado do propio Camiño.

ACE-EU  considera que é unha obriga explorar as múltiples alternativas á pasarela que cumprirían os principios rectores do Plan Muramiñae, tanto desenvolver novas vías peonís e ciclables como conseguir que a Nacional VI deixe de actuar como unha barreira impermeable entre a cidade e a contorna fluvial. Dúas das propostas que ACE-EU pide ao goberno local que valore seriamente son máis ambiciosas e custosas, pero implicarían reformas estruturais e duradeiras: o soterrado da N-VI dende o estadio Anxo Carro ata o acceso ao aparcamento do balneario, en primeiro lugar; e a eliminación do tramo da estrada N-VI dende o mesmo campo de fútbol ata o acceso ao aparcamento do balneario, previo estudo das alternativas factibles ao tráfico rodado.

Recuperación de camiños tradicionais e corredor ecolóxico

ACE-EU tamén leva anos insistindo na necesidade de recuperar os camiños tradicionais que unían o casco histórico co río Miño e que aínda existen, están en malas condicións de conservación. Unir a súa recuperación á solución para cruzar de xeito seguro a N-VI é outra das posibilidades máis sinxelas a un tempo que respectuosas co patrimonio histórico. 

Se se analizan os percorridos que fai a poboación para acceder aos equipamentos situados na beira do río, hai dous puntos dende os que se prevén accesos de persoas a través do viario existente: a intersección da rúa Río Landro coa rúa Pousadela e a intersección entre a Calzada da Ponte e o vial que vai ata a N-VI por detrás do Hostal San Lázaro

Para solventar o problema de cruzar sen perigo a N-VI, existen dúas opcións sen necesidade de construír a pasarela refugada no estudo de viabilidade: soterramento puntual da estrada para crear un paso peonil a nivel; ou ampliación do paso actual baixo a estrada e conexión cun vial peonil ata a praza de acceso ao Pazo de Feiras polo espazo entre a N-VI e o aparcamento do Pazo. “Sería moi interesante darlle a esta opción un tratamento paisaxístico na súa totalidade que contemple a construción dun corredor ecolóxico, é dicir, unha canle para que animais e vexetais se despracen e dispersen, entre as beiras do Miño e o corredor verde que prevé o PXOM na Cheda, ademais de recuperar e rexenerar o río que o atravesa”, propón Carlos Portomeñe.

ACE-EU remarca que en tódalas opcións hai que ter en conta dúas circunstancias: que é preciso mellorar o actual paso baixo a estrada N-VI sobre a Calzada Romana, o que podería significar a construción dun novo túnel; e que calquera intervención a realizar debería de ir acompañada das actuacións necesarias para amortecer os ruídos que provocan na contorna os vehículos ao transitar pola estrada, para que o paseo tanto camiñando coma en bicicleta resulte realmente agradable e evitar a contaminación acústica.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo