ACE-EU presenta unha moción para que o Concello lidere o Convenio da Intermodal

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida presentará unha moción de urxencia para o vindeiro Pleno co obxectivo de que a administración local lidere o proxecto de nova estación intermodal e se definan dende o Concello de Lugo os obxectivos que esta infraestrutura debe cumprir de cara a vertebrar a cidade e mellorar o seu espazo público, e que deben contemplarse en dito convenio interadministrativo coa Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento.

Segundo asegura o Grupo Mixto, calquera tipo de convenio que se redacte e asine no caso do proxecto urbano da Estación Intermodal de Lugo, deberá de establecer a definición duns obxectivos “a priori” moi claros, tal e como foi no caso das restantes estacións galegas.

“A estas alturas, o goberno municipal de Lugo xa debera de ter reflexionados e fixados os obxectivos correspondentes, pola súa parte. Sen que o goberno local teña claro o que quere para o ámbito e os obxectivos urbanísticos a conseguir con esta infraestructura non se pode negociar coas outras administracións o mellor para Lugo. Sen coñecer o que pretende o goberno o resto de grupos municipais tampouco poden aportar os obxectivos que teñan xa estudados, analizados ou definidos”, explica Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

Na moción plantexada por ACE-EU solicítase tamén que o goberno local faga públicos os obxectivos que xa teña deseñados e que convoque unha Mesa de Traballo cos grupos municipais para que estes poidan aportar as súas propostas para a elaboración definitiva consensuada e democrática destes obxectivos.

Os obxectivos propostos para Lugo dende a Xunta de Galicia son os mesmos que para Ourense e Santiago. Pero en Lugo hai problemas diferentes aos desas dúas cidades, ademais da permeabilidade transversal peonil, por exemplo: que se propón construir a estación de autobuses no medio dunha vía de gran circulación de vehículos, nunha Ronda de circunvalación da cidade definida polo Plan Xeral de Ordenación Urbanística (PXOU) de 1991 coa finalidade de desconxestionar o tráfico da Ronda da Muralla e resolver a conexión co Polígono do Ceao; ou de que maneira se resolve a conexión co centro da cidade que se perde ao desprazar a actual estación de autobuses situada no mesmo centro.

Problemas específicos que deberían de estar xa reflexionados e definidos e contido o seu estudo ou posible solución nos obxectivos da Intermodal, sempre coa finalidade da facilitar o seu desenvolvemento e evitar os problemas que están a xurdir.

A agrupación asegura que os grandes equipamentos especializados como son as estacións poden xerar espazo público novo e mellorar o que existe, ou todo o contrario, poden baleiralo, introducir rupturas que debiliten o sistema de espazos públicos. Por iso, consideran que un proxecto urbano coa envergadura do que falamos, sendo un instrumento urbanístico que crea novas condicións no entorno, debe ser xestionado pola administración municipal para garantir que se consegue a verdadeira integración no municipio e unha mellora substancial na paisaxe urbana. ACE-EU considera que o Concello de Lugo debe asumir o protagonismo por enriba da administración autonómica e central, por ser a institución responsable do espazo de actuación, a única capaz de transcender os efectos da intervención a escala urbanística (e non meramente da funcionalidade das infraestruturas afectadas) e, sobre todo, por ser o marco máis acaído de resolución de conflitos sociais e ambientais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com