ACE impulsará unha moción conxunta que inste a Xunta a incluír a vacina da Meninxite B

Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida impulsará entre tódolos grupos municipais a presentación dunha moción conxunta, ou declaración institucional se se acada o consenso de tódalas forzas políticas da corporación, para instar á Xunta a que faga as xestións necesarias para incluir o antes posible no calendario de vacinación do Servizo Galego de Saúde a vacina da Meninxite tipo B.

Para ACE-EU é “dunha hipocresía absoluta por parte do goberno de Feijoo non intervir para garantir ao acceso universal a unha vacina amparándose na falta de consenso entre epidemiólogos e pediatras, cando si interviñeron para liberalizar a súa venta en farmacias. Se a vacina se considera plenamente segura e de utilidade suficiente para a súa adquisición libre e privada, non ten sentido que non o sexa para ser dispensada gratuitamente na sanidade pública. É inxusto que o acceso á vacina quede limitado polo poder adquisitivo dos particulares, xa que cada dose ten un prezo de 106 euros, e son necesarias entre dúas e catro doses dependendo da idade dos receptores. O desembolso que debe facer unha familia con varios fillos é prohibitivo”, explica Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

ACE-EU considera unha prioridade sanitaria e social que dende o goberno autonómico se tomen as medidas oportunas para que a vacina contra a Meninxite B forme parte do calendario de vacinas da sanidade pública galega antes de que remate o ano, polo que ve esencial a suma de tódalas forzas políticas a esta reclamación. Nestes momentos a confusión entre a xente é tal que os pais e nais se están a autoorganizar en plataformas para reclamar un calendario de vacinación coherente e equitativo.

“Non é responsable que Feijoo non só ignore a sensibilidade social que o seu propio executivo xerou coas súas decisións contradictorias acerca da vacina contra a Meninxite B, senón o propio feito de que en menos dun ano morreran en Galicia a causa desta enfermidade dous nenos que apenas superaban o ano de idade. A inmunización fronte ás enfermidades contaxiosas é un dereito de toda a cidadanía, non só de quen pode pagar as vacinas, e sobre todo é tamén un deber da Administración Pública, polo que as evasivas continuas do Presidente da Xunta neste tema son inxustificables”, incidiu  Portomeñe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com