ACE insta ao goberno municipal a sacar a concurso público o posto de coordinador de Protección Civil

Alternativa Cidadá de Esquerdas manifestou hoxe o seu “absoluto desacordo con que o servizo de Protección Civil en Lugo estea dirixido por un cargo de confianza, en concreto por un asesor especial en materia de Emerxencias e Protección Civil, herdado do anterior goberno do PSOE polo novo equipo, cando mesmo en 2011 unha sentencia xudicial suspendeu ao titular do posto debido á súa falta de capacitación para desempeñar dita función”.

ACE considera “inapropiado que un servizo de esencial importancia sexa coordinado por un cargo que semella hereditario e mesmo vitalicio, pois a persoa que o ostenta forma parte do persoal da corporación desde a época de García Díez, e non por un técnico que teña demostrado a súa competencia para un cometido de tal responsabilidade de xeito obxectivo, polo que insta ao novo goberno a poñer o posto a disposición dun concurso público”.

Ademais, ACE ve necesaria a elaboración dun novo regulamento para a Protección Civil en Lugo, pois o actual, que data de 1998, quedou obsoleto e non responde ás novas necesidades en materia de emerxencias, e a modernización do seu esquema organizativo, para evitar situacións cuestionables como que persoal non cualificado poida manexar material especializado que require formación previa.

“Semella que a dotación de equipamento de Protección Civil é abundante, pois contan con equipos de comunicación a distancia e de atención médica, un parque de vehículos destacable (automóviles, furgonetas, zodiacs…), un importante gasto de gasoil, material de salvamento, etc., polo que segundo ACE sería máis que convinte un control máis estrito do inventario e orzamento, entre outras medidas urxentes”, concluíu Portomeñe.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com