ACE rexistra unha proposta para declarar Lugo cidade refuxio ante a actual crise humanitaria

Alternativa Cidadá de Esquerdas rexistrou esta mañá unha moción para elevar ao vindeiro pleno a declaración de Lugo como cidade refuxio, ante a actual crise humanitaria que está a vivir Europa, a peor dos últimos 50 anos, con máis de 350.000 persoas refuxiadas que fuxiron en 2015 da pobreza e a guerra nos seus países de orixe cruzando o Mediterráneo para alcanzar Europa, e máis de 2.500 mortos no intento, segundo datos de ACNUR.

ACE propón a creación dun grupo de traballo entre os servizos sociais municipais, CEAR (Comisón Española de Axuda ao Refuxiado), Cruz Vermella e outras organizacións locais, como o Foro Galego da Inmigración, para definir as medidas a adoptar dende o Concello, para que Lugo poida comezar canto antes a acoller persoas refuxiadas.

“Un municipio responsable non pode sentarse a agardar a que lle soliciten axuda dende instancias superiores, nin limitarse a tratar o asunto en termos de solidariedade, como fixo a alcaldesa Lara Méndez. O Concello debe tomar a iniciativa e organizar os efectivos e infraestructuras locais con efecto inmediato, pois non estamos a falar de caridade, senón dunha obriga institucional ante unha situación de extrema emerxencia”, explicou Carlos Portomeñe, voceiro de ACE.

Por iso na súa moción ACE solicita a elaboración dunha relación de posibles lugares de acollida, preferentemente de propiedade municipal, así como a habilitación dunha partida económica para as actuacións a nivel local e para colaborar coas organizacións que traballan na acollida de persoas refuxiadas.

“Debemos impulsar a acollida a estas persoas non só como esixencia da súa dignidade senón en memoria dos miles de refuxiados que escaparon no seu momento do noso país a raíz da Guerra Civil e da represión franquista, e debe facerse nun proceso de total transparencia, agora que se está a falar da cuantías de axuda económica que a UE fará chegar por cada persoa acollida, definindo e controlando rigorosamente a que conceptos irán destinadas ditas partidas, pois hai que evitar que o proceso de acollida se convirta nunha subasta de seres humanos”, quixo puntualizar o concelleiro.

A moción ACE insta a elevar propostas dende o nivel local para desenvolver unha nova política de asilo e migración europea na que se prioricen os dereitos humanos. Entre elas, están o reforzo dos programas de reasentamento en coherencia co número de refuxiados existente, asumindo unha repartición equitativa e solidaria entre todos os Estados membro da UE; o garante da posibilidade de pedir asilo en embaixadas e consulados nos países de orixe e tránsito; activar políticas de concesión de visados humanitarios; a eliminación da esixencia do visado de tránsito para aquelas persoas que proceden de países en conflito ou a posta en marcha de novos mecanismos non militarizados de xestión dos fluxos migratorios en Europa.

Garañón

Doutra banda, Alternativa Cidadá de Esquerdas elevará a vindeira Comisión de Desenvolvemento Sostible e Persoal, encargada do Urbanismo, prevista para o vindeiro venres día 18, unha pregunta sobre a aplicación de medidas de seguridade e vixiancia na construcción ilegal do Garañón.

“Aínda que o Xulgado precintou o edificio para impedir o acceso ao mesmo, faise evidente polas imaxes publicadas na prensa que este está a ser utilizado habitualmente por persoas non autorizadas, presumiblemente xente moza, polo que sería convinte que o Concello se ocupe de garantir a seguridade no lugar e control das súas entradas, antes de ter que lamentar algún accidente grave”.

O voceiro de ACE, Carlos Portomeñe, sinalou que “as imaxes dende o interior do inmoble que puidemos ver hoxe tamén reafirman que a planificación das Torres do Garañón non se levou a cabo para o aproveitamento do solo, senón para o aproveitamento das vistas cun claro obxectivo de lucro no mercado da vivenda de luxo”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com