ADEGA Lugo vén de emitir un comunicado no que explica que fixo unha denuncia perante a “Confederación Hidrográfica Miño Sil, polas obras que se están a executar no leito do río Rato, que ademais de secar o propio leito sen telo desviado, o aporte que chega ao río Fervedoira provén unicamente dun vertido de augas residuais, degradando aínda máis, se cabe, a calidade das augas do río Rato/Fervedoira, o que afecta directamente á poboación de espiñento, especie ameazada habitual desta zona”.
Segundo ADEGA, socias desta asociación, “comprobaron que se estaban a realizar obras no río Rato (ou río da Chanca), antes da súa confluencia co río Fervedoira en Lugo. Ditas obras, “estabanse a realizar con maquinaria pesada no propio leito do río, provocando graves alteracións no sistema fluvial. Incumprindo a normativa do Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica do Miño – Sil (PHM-S) que establece que as actuacións deberán respectar os fins e integridade do dominio público hidráulico, e en particular a calidade e cantidade das augas e a morfoloxía e a dinámica fluvial”.
O estado do río Fervedoira segundo o Plan Hidrolóxico Miño Sil, é “peor que bon”, e que segundo o propio plan, tería que mellorar ata “bo estado” no ano 2027.
Para realización das obras, continúa no comunicado, “non se desviou a lámina de auga facendo que ademais de secar o río, o único aporte que chega ao río Fervedoira sexa dun vertido continuo de augas residuais, que ademais está gravemente afectado pola proliferación de lentella de auga”.
En inspeccións realizadas na zona comprobamos, aseveran dende a asociación ecoloxista, a existencia de “espiñento (Gasterosteus aculeatus), especie ameazada, incluída no catálogo galego de especies ameazadas na categoría de conservación vulnerábel. O seu estado de conservación debese á fragmentación do seu hábitat, así como pola contaminación tanto biolóxica de especies foráneas como de vertidos”.
“O emprego de maquinaria pesada no leito, xunto cun vertido sen diluír, non fai máis que dificultar alcanzar os obxectivos ambientais do Plan Hidrolóxico Miño Sil, ademais de afectar gravemente ás poboacións de espiñento presentes no río Rato/Fervedoira”. Remata o comunicado. Por todo isto, ADEGA vén de solicitar perante a CHMS a paralización destas obras.




