Adoptar políticos

Sempre é conveniente que as distincións que concedan as institucións oficiais se adopten por unanimidade dos grupos políticos, para evitar que andando o tempo, os cambios no poder poidan provocar a rectificación da concesión.

Esta debía ser norma non escrita xeralmente aceptada, sendo conveniente que o tramite fose secreto para, no caso de unanimidade, facer público o acordo, e se hai votos en contra quede o tema arquivado para evitar dano moral ao que unha parte da corporación pretendía homenaxear.

Outra norma non escrita debera ser a de non conceder honras e distincións a políticos en exercizo, a menos que o agradecemento sexa excepcional e a concordancia plena, xa que ao estar a política polo medio pode variar a vontade de honrar dada a volubilidade dos sentimentos que rexen na política.

Os concellos de Ferrol e A Coruña veñen de retirar o título de Fillo Adoptivo das dúas cidades a Manuel Fraga Iribarne, lucense de Vilalba, que foi ministro aperturista no franquismo, un dos pais da Constitución que trouxo a democracia, e Presidente da Xunta de Galicia por maioría absoluta durante catro mandatos.

Cando un concello nomea a alguén Fillo Adoptivo, intégrao na súa gran familia, sendo a maior distinción que unha corporación pode conceder a alguén que non naceu nesa cidade.

Esta distinción concédese para honrar a un persoeiro que reside no concello ou, no caso dun político, agradecendo os servizos prestados ou os que se agardan del. E no pasado réxime franquista, o Xeneralísimo dictador recibiu, por estas razóns, numerosas distincións que se foron retirando coidando que dese xeito se corrixe a historia cando nestes casos tamén rexe aquel dito da nosa nenez de “Santa Rita, Rita, o que se da non se quita”.

Porque cando se adopta un fillo, este entra a formar parte da unidade familiar, cos mesmos dereitos que o resto da descendencia. E non se pode botar, a menos que cometa feitos gravísimos, posteriores á adopción. No caso de Fraga, as posibles causas de retirada situaríanse antes da concesión, polo se produce unha especial ucronía que podería repetirse ata o infinito, á inversa, no futuro, cando se produza unha alternancia no poder.

A saber que opina desto Santa Rita.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo