Adxudicada a restauración do lenzo da Muralla nun tramo á altura de Clérigos

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de adxudicar as obras de restauración dun tramo do lenzo da Muralla á altura da rúa Clérigos, ás que destinará un orzamento de 137.500 euros -que se suman aos 20.000 euros investidos na redacción do proxecto-.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que as obras contan cun prazo máximo de execución de catro meses e afectarán a un tramo de 12,16 metros situado entre os cubos XXX e XXXI.

A actuación, cofinanciada con fondos Feder, resolverá as patoloxías que presenta a pedra, como a disgregación de morteiros e a aparición de fisuras que se deben fundamentalmente á incidencia da choiva e outros elementos de desgaste propios do paso do tempo. Para elo, procederase ao desmontado de petos e muros, impermeabilización e reconstrución da estrutura.

Entre os traballos contemplados figura a escavación manual arqueolóxica do adarve ata cota orixinal romana, separar o recrecemento da estrutura orixinal mediante lámina de xeotextil para logo volver a cubrir con laxas de lousa tomadas con morteiro de cal, e o desmontado e retirada da instalación eléctrica e luminarias existentes para facilitar a execución das obras.

Igualmente, vaise realizar unha cata coa finalidade de definir o trazado orixinal do cubo XXX así como o levantamento topográfico e fotogrametría 3D, que mellorarán o coñecemento sobre a Muralla.

O proxecto dá continuidade ás obras de restauración do cubo XXXI, que a consellería acometeu hai un ano cun investimento de 142.000 euros, e que igualmente serviron para consolidar a estrutura, definir a traza orixinal do cubo e realizar un estudo exhaustivo sobre este elemento da Muralla.

Características do lenzo

Durante a intervención no cubo XXXI realizouse unha cata que permitiu precisar o estado de conservación e as características do lenzo entre este e o cubo XXX. O paramento ten unha forma plana con lixeira inclinación na base banqueta de apoio, de ancho e altura variable. A súa lonxitude é de 12,16 metros e conta cunha altura exterior e interior media de 8,30 metros, e cunha largura do adarve de 5,95 metros.

O seu sistema construtivo caracterízase por ser unha cachotaría de laxas de lousa con varios elementos dispersos de granito e elementos de maior tamaño na esquina inferior esquerda, onde a banqueta adquire unha maior altura pola pendente do terreo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com