Afundación presenta as mellores fotografías da natureza en Lugo

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta a exposición Fotógrafos da natureza 2018. European Wildlife Photographer of the Year na súa sede de Lugo. A apertura ao público terá lugar o vindeiro 14 de xaneiro e poderase visitar ata o 27 de abril, de luns a sábados en horario de 18.00 a 21.00 h.

Esta exposición está composta polas 84 mellores fotografías das máis de 18.000 presentadas ao concurso European Wildlife Photographer of the Year celebrado no ano 2018, un certame que comezou no ano 2001 e que xa se converteu nun referente da fotografía da natureza neste continente, tanto a nivel profesional como amateur.

Nesta edición concorreron máis de 1300 fotógrafos de 39 países diferentes. Todas as imaxes son instantáneas non manipuladas que mostran a natureza en estado puro co obxectivo de concienciar ao espectador sobre a necesidade de preservar o medio natural. Son fotografías inspiradoras, que reflicten as moitas caras da natureza desde puntos de vista sorprendentes e inusuais. Grazas á pericia técnica e artística e, en moitas ocasións, á sorte, é posible contemplar a través destas imaxes puntos de vista insólitos e perspectivas marabillosas. Unha visión diferente dos animais, plantas ou paisaxes que conseguen emocionar e inspirar unha nova conciencia a favor da defensa da biodiversidade do planeta.

A exposición está organizada en 9 seccións: Aves, Mamíferos, Outros animais, O mundo submariño, Eloxio das plantas, Paisaxes, O home e a natureza, Forma e composición e Fotógrafos novos, ademais da fotografía á que se lle outorga o premio absoluto que nesta ocasión, por primeira vez nos seus 17 anos de existencia, foi dobre.

A primeira gañadora é unha imaxe de Erlend Harrberg titulada Pelexa na neve na que conseguiu fotografar a dúas lebres das montañas de Noruega, unha especie en perigo de extinción. A segunda fotografía gañadora, Incautado, é obra da alemá Britta Jaschinski e nela reflíctese unha das brutais accións do home contra o medio natural co  retrato de dous tallos confiscados realizados con patas de elefante e pel de cebra. Xunto a elas, 82 fotografías máis para que o espectador poida coñecer o medio natural dunha maneira diferente.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo