AGE demanda en Bruxelas prezos xustos na produción e o mantemento e recuperación de servizos

A traveso da eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, unha delegación de once gandeiros/as e residentes en zonas de alta montaña de Galicia, entrevistáronse esta tarde no Parlamento Europeo (PE) con Dermot Ryan, representante da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea (DX AGRI), e ca eurodeputada Mercedes Bresso, presidenta do Intergrupo Parlamentario de Áreas Rurais, Montañosas e Remotas, no que a AGEe está inscrita.

Nun primeiro intercambio de opinións, a delegación galega puxo sobre a mesa a necesidade de garantir prezos xustos na produción de vacún de carne, e denunciou diante da Comisión “a progresiva eliminación de servizos públicos nas áreas rurais potenciada polo Goberno da Xunta, subliñando as graves consecuencias sociais que está a ter concretamente a eliminación de centros educativos e sanitarios”.

Se ben en relación ás políticas agrarias Ryan afirmou que “hai vontade de apoio de cara a que as produtoras e produtores podan cubrir custos de produción a través dos prezos”, membros do seu equipo presentes na xuntanza afirmaron que son “conscientes” dos problemas dos produtores/as de vacún de carne, unha situación que “repítese en toda a UE, sobre todo nas zonas de montaña”.

Carmen Calderón, responsable do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR) 2015-2020  -inda sen aprobar a día de hoxe- na  Dirección Xeral de Agricultura, afirmou que cónstalle que neste PDR están sinaladas as zonas de montaña como prioritarias. Aliás, fixo fincapé na vontade da Comisión de que o proceso de elaboración do PDR sexa intensamente participativo.

Diante desta afirmación, a delegación galega foi clara: “non nos dan información de nada”, afirmaron, e puxeron en dúbida o carácter participativo do PDR, trasladándolle directamente á Comisión de Agricultura que, “no caso galego, a participación limitouse a un único evento conxunto cos actores correspondentes convocado pola Xunta: participamos noventa axentes sociais e durou dúas horas, esa foi toda a participación que houbo”.

Finalmente, na liña de afondar na visibilización da importancia do mantemento destas zonas, nomeadamente para preservar a nosa biodiversidade e identidade cultural, mantendo ao tempo un tecido produtivo que contribúa a fixar poboación nestas áreas, a eurodeputada galega trasladou á DX de Agricultura como demanda principal “que sexan activadas as políticas agrogandeiras e sociais precisas para que as persoas que residen e/ou manteñen unha actividade produtiva nas zonas de alta montaña, teñan garantida unha vida digna e podan desfrutar dos dereitos e acceder a servizos como calquera cidadá ou cidadán de Galicia.”

Intergrupo Áreas Rurais e Montañosas

A eurodeputada italiana Mercedes Bresso, presidenta do Intergrupo Parlamentario de Áreas Rurais, Montañosas e Remotas, deu conta das prioridades do mesmo, salientando a potenciación das enerxías renovábeis, as políticas de desenvolvemento integral das zonas rurais, a defensa dos produtos típicos de alta montaña…

Ademais, dende este intergrupo están analizando as diversas áreas temáticas para achegar información á Comisión Europea co obxectivo de realizar un Libro Branco de propostas políticas para as zonas de montaña, moi valorada na maioría de países europeos, sinalou. Porén, “no caso galego”, trasladáronlle a Bresso, que “a nós bótannos da montaña, non é un espazo valorado pola Administración”.

Xunto con esta realidade, o problema da forestación de terras agrarias na Galiza foi unha das cuestións que máis sorprendeu á eurodeputada, quen reiterou a importancia dos prados ubicados en zona de alta montaña. Tamén se pronunciara sobre este aspecto Demot Ryan, quen aclarou que, se ben é promovida dende a UE, a forestación “non é unha esixencia realizada aos Estados membros”, xa que “a PAC aplícase cunha certa flexibilidade”, polo que, se se está a dar unha forestación inadecuada do territorio, a responsabilidade recaería nos Gobernos estatal e galego.

Logo das dúas xuntanzas desta tarde, Lídia Senra mantivo unha reunión de traballo ca delegación galega desprazada a Bruxelas a fin de coñecer as súas prioridades e analizar como desenvolvelas no Parlamento Europeo do xeito máis eficiente posíbel.

Estes contactos e intercambios de opinión ca Comisión e o Parlamento engadiranse ao traballo de análise desenvolvido nas xornadas “As áreas de alta montaña na UE, unha perspectiva dende a esquerda”, realizadas por AGEe en Becerreá o pasado 28 de febreiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com