" />

AGE solicita á UE que se reúna cos mariñeiros aos que Noruega nega as pensións cotizadas

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGE) Lídia Senra, vén de remitir á Alta Representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade Federica Mogherini, unha solicitude para a realización dunha xuntanza con representantes dos mariñeiros afectados pola negativa do Goberno de Noruega a reembolsarlles as cotizacións derivadas do seu traballo durante décadas na mariña mercante norueguesa.

Segundo afirma AGE, a día de hoxe o Goberno de Noruega négalle o cobro das pensións cotizadas a máis de 10.000 mariñeiros galegos  -12.000 en todo o  Estado-, bloqueando tamén a posibilidade de recuperar as súas cotizacións, malia a teren traballado legalmente e cotizado até o 45% do salario durante a súa vida laboral na mariña mercante, o que constitúe un importe total adebedado cifrado pola asociación de mariñeiros afectados Long Hope en aproximadamente 500 millóns de euros.

Lídia Senra rexistrara xa no pasado mes de xullo unha pregunta parlamentaria ao respecto, corroborando ca resposta da Comisión que este país “debería respectar as disposicións transitorias que figuran no novo Regulamento simplificado (CE) nº 883/2004”, que indica que “toda prestación que non  tivera sido liquidada ou que fora  suspendida a causa da nacionalidade ou da residencia da persoa interesada será, a petición desta, liquidada ou restablecida.”

Dada a falta de reacción por parte de Noruega, no mes de decembro Senra promoveu dende o Parlamento Europeo unha carta dirixida á Primeira Ministra Erna Solberg, asinada pola eurodeputada galega e 32 eurodeputadas, na que instábaa precisamente a cumprir co citado regulamento e lembráballe que a propia Comisión Europea especificou na súa resposta que as autoridades  competentes españolas e de Noruega, poden poñerse en contacto para celebrar un acordo bilateral en interese dos traballadores.

Lidia Senra manifestou: “AGE seguirá apoiando a estas persoas e ás súas familias a través de tódolos mecanismos que poidamos activar”, e asemade declarou  ” queremos amosar publicamente o noso apoio á nova concentración que terá lugar mañá diante da embaixada norueguesa en Madrid a partir das 11.00 hrs. para esixir a devolución dos  impostos aportados durante anos”.

A este respecto, Senra trasladou tamén hoxe dende Bruxelas “o meu máis fondo apoio e recoñecemento á loita destes mariñeiros e as súas familias, aos que agardamos que o antes posiblel lles sexa subsanada esta situación totalmente inxusta que lles está a privar do dereito a percibir as súas cotizacións”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo