Centos de produtores, convocados polas asociacións Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema e acompañados duns 50 tractores, manifestáronse este luns en Lugo para rexeitar a sinatura do acordo comercial entre a Unión Europea e os países do Mercosur, un tratado que tería, din, “un grave impacto directo sobre o sector primario, o rural e o modelo produtivo do noso país”.M
A protesta, que saíu de diante do edificio da Xunta de Galicia na Ronda da Muralla e rematou diante da Subdelegación do Goberno, no centro da cidade, coincidiu con outros actos semellantes desenvolvidos en Galicia en lugares como A Coruña ou Ourense, así como en distintos puntos da xeografía española e europea.
Os manifestantes leron un comunicado denunciando a sinatura do tratado con Mercosur no que denunciaron que “a ratificación deste acordo tería consecuencias irreversibles: destrución de explotacións familiares e perda de postos de traballo directos e indirectos; despoboamento acelerado do rural, afectando á cohesión territorial e social; dependencia alimentaria exterior, reducindo a capacidade do país para decidir que produce e que consome; entrada de produtos con estándares non equivalentes, comprometendo a seguridade alimentaria e a confianza dos consumidores; desvalorización do traballo agrogandeiro, ao obrigar a competir con prezos que ningún modelo europeo pode igualar sen perder calidade ou sustentabilidade”.
Veto político
Ante esta situación, consideran que “o silencio institucional é a día de hoxe unha das maiores fontes de preocupación e incerteza. As administracións teñen o deber de protexer un pilar estratéxico da economía, do territorio e da sociedade. Que medidas se prevén para evitar esta competencia desleal?”, preguntaron os manifestantes congregados en Lugo.
“Decimos non ao tratado UE-Mercosur nas condicións actuais e pedimos a aplicación do principio de reciprocidade, garantindo que ningún produto externo poida entrar no mercado europeo sen cumprir os mesmos estándares esixidos ás explotacións locais”, reiteraron.
Prexuizos para os consumidores
Ao final do percorrido, os produtores colocaron un stand informativo para explicar aos consumidores os efectos que a sinatura do acordo co Mercosur terá para a saúde e a seguridade alimentaria da poboación.
“O sector agrogandeiro leva anos soportando unha presión crecente: incremento de custos, esixencias legais cada vez máis complexas, redución de marxes e incerteza estrutural. A pesar diso, continúa garantindo alimentos de calidade, seguros, trazables e producidos baixo os estándares máis altos de calidade da UE”, argumentan.
“Este esforzo contrasta coa proposta de permitir a entrada masiva de produtos procedentes de países que non cumpren os mesmos requisitos ambientais, sanitarios, laborais nin de benestar animal. Isto supón unha competencia desleal que pon en risco a viabilidade das explotacións locais”, denuncian.






