" />

Agromuralla acusa ao Concello de “descoñecemento do rural” e de “enganar aos gandeiros para gañar as eleccións”

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla acusa ao Goberno municipal do Concello de Lugo de “non preocuparlle o máis mínimo o mantemento da actividade agrogandeira no municipio” logo de denegar a moitos gandeiros que teñen as súas explotacións no termo municipal o seu dereito a unha bonificación do 50% no pago das licenzas e impostos de obras de mellora dos seus establos.

Agromuralla explica que están a chegar denegadas a unha vintena de gandeiros as súas solicitudes de devolución destas cantidades, cobradas indebidamente polo Concello nos anos 2017, 2018 e 2019, malia que “xusto antes das últimas eleccións municipais os concelleiros responsables de Medio Rural e de Economía e Facenda, ambos do PSOE, se reuniron até en dúas ocasións cos afectados e, tras recoñecer o erro na redacción das ordenanzas reguladoras e na aplicación das bonificacións, comprometéronse a resolver o problema, algo que agora non cumpren”.

Trátase de “cantidades importantes, que van desde os 2.000 aos 7.000 euros e que poñen en risco a viabilidade das granxas”, denuncia Agromuralla, polo que esixen á alcaldesa, Lara Méndez, “que tome cartas no asunto se non quere ser cómplice do engano”. “Se a alcaldesa de Lugo non resolve este asunto, que se arrastra xa desde fai tres anos, estará mostrando que non lle importa o rural”, asegura a asociación de gandeiros, que pide responsabilidades “pola incompetencia e por mentir e enganar aos gandeiros para gañar as eleccións”.

Descoñecemento absoluto do que é o rural

O Concello de Lugo promoveu no ano 2016 unha rebaixa do 50% nas licenzas de obra para construción ou ampliación de explotacións nas 54 parroquias rurais do termo municipal para deste xeito favorecer o desenvolvemento do sector agrogandeiro no municipio pero “esta intención foi só teórica e propagandística”, asegura Agromuralla, porque “á hora da verdade os teóricos beneficiarios, os gandeiros, non se podían acoller ás bonificacións por como estaba redactada a norma”.

“As condicións eran tan surrealistas que a un gandeiro de nova incorporación á actividade pedíanlle que demostrase que estaba dado de alta na actividade desde facía dous anos, algo evidentemente imposible, do mesmo xeito que se pedía que o que facía a obra fose o dono do terreo, o que deixaba fóra aos mozos e mozas que querían mellorar as explotacións dos seus pais”, explica Agromuralla.

Esta redacción incongruente da norma, corrixida a partir de 2020, provocou que durante os tres anos anteriores a maioría dos gandeiros que fixeron obras de mellora nos seus establos ou instalacións anexas non puideran facer efectivo o seu dereito á bonificación. Para tratar de acalar o cabreo dos prexudicados, en dúas reunións celebradas cos afectados ás portas das últimas eleccións municipais de 2019 os concelleiros do PSOE comprometéronse á devolución destes cartos cobrados indebidamente aos gandeiros, algo que non se está a cumprir.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo