Agromuralla denuncia a seis industrias lacteas por “prácticas ilícitas”

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla denunciou ante a Axencia de Información e Control Alimentarios ( AICA), dependente do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio, “que desde que se cesou a declaración de estado de alarma, co fin de xestionar a alerta sanitaria provocada polo COVID-19, distintas industrias lácteas que operan dentro do territorio de Galicia, veñen actuando ilicitamente”. Desde que o pasado 14 de marzo cando se declarou o estado de alarma, “as industrias lácteas, concretamente as que operan no territorio de Galicia, víronse beneficiadas por unha flexibilización da normativa para cumprir, en canto aos contratos de compra de leite cru de vaca en orixe se refire”. “Como consecuencia de dita flexibilización, tendo en conta que o sector primario foi considerado en todo momento durante a vixencia do estado de alarma como actividade esencial, moitos contratos que tiñan que ser renovados durante o estado de alarma, viron prorrogada a súa vixencia para, unha vez establecida a chamada nova normalidade, subscribir novos contratos que empeoran as condicións previas”, denuncian os gandeiros.

“Á parte de que a situación por parte das industrias lácteas pode ser constitutiva dun ilícito penal, están a infrinxir varios conceptos da Lei da Cadea Alimentaria ao aproveitar a situación xerada pola situación de alerta sanitaria para presionar aos produtores para que asinen contratos con redución do prezo pactado”, indican.

Contratos que “As industrias manteñen unha postura impositiva e, lonxe de negociar as condicións dos contratos cos produtores, impoñen a súa vontade e criterio, coma se dun contrato de adhesión tratásese, deixando ao produtor sen capacidade de manobra”, denuncia Roberto López, quen asegura que “na práctica os contratos non son negociados, senón impostos e o produtor corre o risco, se non acepta, de que a industria en cuestión non lle recolla máis leite”.

Agromuralla asegura que este tipo de prácticas por parte das industrias “veñen mantendo no últimos vinte anos ou máis” e aprecia síntomas claros “de acordo entre as empresas, xa que os criterios de negociación dos contratos non difiren dunhas industrias a outras”.

Ofertas sen dous meses de antelación

“Estas prácticas infrinxen varios preceptos do Real Decreto 95/2019, do 1 de marzo, polo cal se establecen as condicións de contratación no sector lácteo”, asegura Agromuralla na súa denuncia, admitida a trámite pola AICA. Entre outras cuestións, Agromuralla indica que se infrinxe a obrigatoriedade de facer a oferta do novo contrato con dous meses de antelación, expoñendo os casos de: “Lactalis, Reny Picot, Inleit ou Danone, “cuxa práctica habitual é poñer os contratos á firma sen esa antelación de dous meses, coaccionando aos produtores para que asinen de inmediato”.

Modificación nos prezos asinados

Ademais, denuncia Roberto López, “nalgúns casos as modificacións dos contratos que se poñen á firma do produtor contradín o contrato en vigor, ao pretender introducir un cambio no prezo establecido a través dun anexo ao contrato cando non pode realizarse un cambio deste tipo a través de devandito instrumento”. A maiores, de acordo coa modificación acometida o pasado mes de febreiro na Lei 12/2013 de medidas para mellorar o funcionamento da Cadea Alimentaria a través da Real Decreto Lei 5/2020, os contratos alimentarios haberán de indicar expresamente que o prezo pactado entre o produtor e o seu primeiro comprador cobre o custo efectivo de produción. Con todo, segundo Agromuralla, “na práctica a cláusula que se fai constar nos contratos está a ser utilizada polas industrias lácteas para acometer un cambio de contrato e presionar os prezos á baixa”.

Represalias por parte das industrias

A asociación de gandeiros e gandeiras, con presenza nas provincias de Lugo e A Coruña, considera que “o feito de non existir un índice referencial público, validado e admitido polos operadores para tomar de referente á hora de determinar se os prezos establecidos nos contratos cobre ou non os custos de produción deixa ao produtor nunha clara situación de indefensión”. Ademais, denuncia Agromuralla ante o organismo dependente do Ministerio de Agricultura, “están a darse casos de ameazas e represalias por parte dalgunhas industrias, como Leite Río, Inleit ou Lactalis, contra algúns gandeiros que se negan a asinar os contratos nas condicións que a industria impón”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com