Agromuralla reclama medidas efectivas para garantir o futuro do sector lácteo galego

A asociación de gandeiros Agromuralla, nacida tralas tractoradas de finais do 2015, celebrou na tarde de onte a súa Asemblea Xeral reclamando das distintas Administracións públicas “medidas efectivas para garantir a pervivencia e o futuro do sector produtor de leite en Galicia”.

A entidade, presidida por Roberto López, está formada por gandeiros e gandeiras e caracterízase dende a súa creación hai catro anos pola súa “absoluta independencia á hora de velar polos intereses dos gandeiros e gandeiras galegas”.

Nesta Asemblea Xeral, a asociación fixo, asemade, un balance “realista” por parte dos asociados da situación na que se atopa o sector produtor de leite en Galicia neste momento. Os gandeiros galegos condideran que “o panorama está algo mellor que en 2015 aínda que non se deu unha solución definitiva aos distintos problemas que motivaron as tractoradas”, explica o presidente do colectivo.

Asemade, o presidente cre necesario asumir que “os cambios lexislativos que se produciron dende entón foron insuficientes para protexer o sector”. Deste xeito, aseguran que, precisamente, a liberación do sector tralo fin das cotas lácteas na UE está a provocar que os gandeiros teñan que competir nun mercado globalizado que provoca oscilacións cíclicas de prezos á baixa e “desprotección dos produtores fronte aos mercados”.

“Aínda que neste momento os prezos en orixe están uns 5 céntimos por enriba do que se cobraba a finais do 2015, no momento das tractoradas pola última crise de prezos, a suba dos custos de produción desde entón, coa escalada de prezos do gasóleo ou da enerxía eléctrica e o incremento de custos dos cereais ou de impostos como o IBI tralo catastrazo, fai que as marxes das granxas sexan moi escasas”, asegura o presidente de Agromuralla.

Así, Roberto López, como voz da entidade, reclamou “cambios” nunha lexislación que “non garante a igualdade de condicións” nas relacións entre os gandeiros e as industrias e cadeas de distribución, o que provoca, dixo, un “reparto desigual” da cadea de valor que “prexudica claramente” aos gandeiros e gandeiras. “No eido dos contratos algo se mellorou, pero aínda continúa inclinada a balanza en favor dos intereses das industrias”, asegurou.

Xurdida da unión dos produtores de leite que rodearon a muralla de Lugo cos seus tractores nos meses de setembro e decembro de 2015 para protestar pola situación que atravesaba o sector, Agromuralla está integrada neste momento por 400 socios e conta con representación nas principais comarcas e concellos produtores de leite de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com