Ai dos mornos!

Deixoume marcado hai moito tempo unha frase do libro da Apocalipse: “Coñezo as túas obras: non es frío nin quente. Por iso, porque es morno (tibio) vomitareite da miña boca”.

Eu sempre pensei que había que fuxir dos extremos, e situarse nun punto preto do centro, porque por alí debía andar a virtude da normalidade, do equilibrio, aimnda que agora parece que un dos extremos é quen marca as reglas do xogo.

Morno resulta ser lixeiramente quente, entre o frío e a calor, pero en sentido figurado tamén pode ser levedade e mesmo falta de enerxía ou ambigüidade.

Sempre penso que son morno en canto ao idioma, pretendendo equidistarme  entre  os que se sitúan no castelán e non apean del e os que utilizan o galego sexa cal fose o idioma da persoa que teñen diante. Eu chego a un sitio e falo galego. Se me contestan en castelán, é moi probable que pase ao castelán, e se me contestan en galego xa sei que estou na casa. Esto, para o libro da Apocalipse non vale. Tampouco vale para os que, nativos ou conversos do idioma, consideran que hai que facer patria en todo momento e lugar, (As que me van caer por isto, van ser unhas cantas, pero xa estou afeito a recibilas especialmente nestes tempos revoltos). Porque algúns deses tan firmes no idioma, hai cincuenta anos, falaban castelán porque era máis fino.

Pero a min de pequeno educáronme así, a ser morno, nin frío extremo nin cálidamente excesivo, porque en Vilalba daquela non leran o libro da Apocalipse.

O que si me  amola  é chegar a calquera lugar e dicir “Son Xulio”, e que me respondan: “Ay, si, Julio”. Co do nome son moito máis respectuosos os de fora ca moitos galegos.

Xulio Xiz

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com